Xosé Mosquera

Entrevista a Xosé Mosquera, candidato de Compromiso por Galicia á alcaldía de Ourense.

 

Quen é Xosé Mosquera?
Xosé Mosquera: “Un ourensán de 58 anos, profesor da Universidade de Vigo e xefe do servizo de Intervención da Deputación, que decidiu presentarse a estas eleccións porque creo que Ourense necesita xente cunha capacidade técnica e de xestión para sacar da parálise ao Concello”.

Díganos unha proposta que leve no seu programa que se poida aplicar desde o minuto 1.
X.M.: “Inmediatamente podemos facer que todos os contratos de obra que superen os cen mil euros se fagan por poxa pública; reducir o salario do alcalde e o gasto en asesores”.

Funcionan as contratas ben?
X.M.: “A limpeza non está a funcionar moi ben, pero non toca neste mandato (renovar a concesión). Hai outros que funcionan mediante concesión e poden recuperarse para xestión directa polo Concello, como a auga ou a ORA, que vencen as concesións neste mandato”.

Os impostos municipais deben subir, baixar ou manterse?
X.M.: “Entendemos que o esforzo dos ourensáns é moi alto porque leva subido a carga fiscal nos últimos anos. É o momento de aliviar fiscalmente aos ourensáns. Entre as nosas propostas están reducir o IBI un 10% e rebaixar a plusvalía un 15%”.

Considera que a plantilla municipal é a axeitada?
X.M.: “Non a coñezo con detalle pero entendo que no Concello de Ourense algúns servizos están sobredimensionados. Hai que estudalo e ver a fórmula de aproveitar recursos. Non creo que teñamos que crecer inicialmente en medios humanos, coa súa reubicación pódense prestar todos os servizos”.

Implementaría un sistema de control dos horarios dos funcionarios?
X.M.: “Por suposto, eu creo que todas as persoas deben responder da actividade que desenvolven”.

Contrataría un familiar como asesor se é alcalde?
X.M.: “Non contrataría a ningún familiar para o meu equipo de asesores. Paréceme que a ética e a transparencia deben ser elementos fundamentais da xestión pública”.

Sobre o PXOM que se está tramitando, que faría CxG?
X.M.: “O que hai que facer é paralo. Hai que iniciar o proceso, non dilatalo, con outro espirito, que todo o mundo se vexa reflexado no PXOM, e os intereses contrapostos se resolvan consensuadamente de tal forma que teñamos un proxecto de cidade para 30 ou 40 anos que dea seguridade xurídica. Un PXOM sostible que posibilite os investimentos, públicos e privados”.

Cando foi a última vez que viaxou en bus urbano?
X.M.: “Eu o movemento na cidade fágoo ao 100% sempre que podo andando e o seguirei facendo andando, unha vez que chegue ao concello. Sempre que teño un traxecto razoable vou a pé que é a forma de máis contacto cos veciños, e se é máis lonxe utilizo o vehículo”.

Cal é a postura de Compromiso sobre o transporte metropolitano?
X.M.: “Hai dúas administracións responsables: Concello e Xunta. Séntense na mesa. Eu estou disposto a sentar na mesa para resolvelo”.

Apoia o mantemento do calendario de eventos culturais?
X.M.:“Apoiámolo pero desde logo imos sometelo a estudo. Os recursos son limitados, haberá que ver a incidencia de cada un dos eventos, que teñan impacto realmente na cidade”.

Teñen que xogar algún papel as asociacións veciñais na política municipal?
X.M.:“Deberían ter un papel activo na política municipal pero tamén deben ser asociacións vivas”.

Neste mandato os plenos non deron unha boa imaxe da clase política.
X.M.: “O problema son os políticos que estiveron. O que pasou nos últimos anos foi basicamente unha descalificación practicamente recíproca e sen avance de ningún tipo. Non vimos ningunha iniciativa onde houbera un empuxe conxunto da corporación”.

Cal é a posición de CxG sobre os políticos imputados?
X.M.: “Nós non levamos nin levaremos ningún político que estea imputado, porque a sociedade se merece que os representantes sexan intachables”.

Está aberto CxG a pactos?
X.M.: “O programa vai ser a base de calquera pacto posterior. Temos un mandato congresual que di que se non acadamos o 20% non formaremos parte de ningún goberno”.