As liñas centrais das outras catro candidaturas que se presentan no Concello de Ourense.

1. Por que e con que obxectivos se presentan en Ourense?
2. Que os diferenza doutras candidaturas e cales son as súas principais propostas?

Olga Fabello (UPyD)
1. “A crise que estamos vivindo radica no entramado institucional, que nos levou a unha administración ineficaz e insolidaria. Non me gusta o que vexo, non quero que ás miñas fillas convivan ca corrupción e crean que todo vale, os cidadáns temos que tomar a palabra e facer do concello unha institución útil ao servizo dos veciños. Teño boas expectativas, son realista e sei que non chegaremos á alcaldía, pero si estaremos presentes no concello defendendo os intereses de todos os cidadáns”.

2. “A diferenza máis obvia é que non levamos imputados, nin investigados, nin no noso partido a nivel nacional temos corruptelas. Rebaixaremos os soldos dos membros dos órganos de goberno un mínimo do 20%, así como á metade os gastos de representación. Incrementaremos o gasto en benestar, non negociaremos con entidades bancarias que fagan desafiuzamentos, e crearemos un parque de vivendas ao servizo de cidadáns en emerxencia”.

Luis Fernando Riobó (Movimiento RED)
1 e 2: “Movimiento RED nace como partido político, fundado polo xuíz Elpidio Silva fai tres meses e estamos expandíndonos por toda España. Non somos nin de dereitas nin de esquerdas, somos un movemento de persoas que temos como lema loitar contra a corrupción. Presentámonos en Ourense porque sabemos que nesta cidade está implantada a corrupción e nós propomos denunciala. A parte, elaboramos un plan para a dinamización da cidade”.

Fernando Alonso (Coalición Galega)
1. “Presentámonos en Ourense tras avaliar onde tiñamos máis forza e onde mantiñamos máis militancia. As expectativas non son moi altas, pero é o primeiro paso para reconstruir o centro galeguista. Logo entraríamos en contacto con outras formación de cara ás xerais para ampliar o proxecto”.

2. “Diferéncianos o galeguismo. Nós non estamos polo bipartidismo, os que nos levaron á situación que estamos foron os dous partidos grandes.

As urxencias máis grandes son erradicar a pobreza, o paro, a corrupción e conseguir un maior autogoberno. E particularmente, apostar polo termalismo, a redución das plusvalías municipais en herdanzas, maior transparencia no Concello, e sacar adiante o PXOM como dinamizador económico”.

Antonio Estévez (PACMA)
1. “Preséntome porque desde a Presidencia de Pacma de Madrid así se me pediu. En materia de conservación da natureza, defensa do patrimonio xenético e loita polos dereitos dos animais, a miña traxectoria é un referente en España. Sempre fun moito máis coñecido e valorado internacionalmente que acá, pero a miña relevancia en Galicia nestas materias comparada coa que se me asigna a nivel nacional é unha mera anécdota”.

2. “A principal diferenza é que importa máis o contido que o continente, en PACMA dá igual o candidato, o credo é idéntico para todos os militantes e simpatizantes. Tamén hai diferenzas moi notables cos demais partidos na loita pola xustiza social, o medio ambiente e os dereitos dos animais”.