Gonzalo Jácome

Entrevista a Gonzalo Pérez Jácome, candidato de Democracia Ourensana á alcaldía de Ourense.

Quen é Gonzalo Pérez Jácome?
Gonzalo Jácome: “Un ourensán de toda a vida, de 45 anos, considérome máis un emprendedor que un empresario por todas as inquietudes e cousas que teño feito, emprender proxectos, cuestionarme o sistema e propor alternativas”.

Díganos unha proposta que leve no seu programa que se poida aplicar desde o minuto 1 se chega a gobernar.
G.J.: “A baixada do IBI do 20%, no seguinte recibo que veña, o de 2016”.

E un servizo que funcione ben no Concello de Ourense e non tocaría.
G.J.: “Por exemplo Intervención. Traballan a tope e o ben que funcionan, paréceme que non o tocaríamos”.

Cal é a proposta de DO sobre o PXOM?
G.J.: “Hai que pulilo moítisimo; contratar un equipo de 15 arquitectos ourensáns con varias liñas de ataque: un, mellorar o traballo técnico que o encargado a unha empresa de Coruña é deficitario; dous, eliminar os pelotazos da época de Cabezas; tres, minimizar as casas fóra de ordenación; e catro, con todas as reclamacións millonarias que está facendo a xente, construtores, chegar a un acordo con todos. Calculo que nun ano e medio está feito”.

A previsión de vivendas é a acaída para Ourense?
G.J.: “Non, nós cremos máis na liberdade, cremos que están demasiado limitadas nalgunhas zonas”.

Funcionan ben as contratas municipais?
G.J.: “A maioría funcionan mal, porque unha vez que se lle asigna a contratación, non se fai un seguemento, moitas non se están cumplindo”.

Que propón Democracia Ourensana?
G.J.: “Rescatar as que se poida e nas outras ser tremendamente estrictos no control”.

Cando foi a última vez que viaxou en bus urbano?
G.J.: “A última vez creo que foi nun partido que fun ver do COB en 1990”.

Cal é a posición de DO sobre o transporte metropolitano?
G.J.: “Implementalo xa e que a Xunta se molle e poña diñeiro”.

Como se faría?
G.J: “Eu son partidario de que os buses vaian ao centro porque iso facilita a vida á xente. Que teñan que ir ás aforas limita a mobilidade”.

Considera que o Concello ten a plantilla que necesita?
G.J: “Tantos anos de enchufismo fai que a plantilla estea sobredimensionada e inflada. Se non a reducimos somos cómplices coas corporacións anteriores”.

En todos os servizos?
G.J: “O saldo xeral é que sobra xente pero si é verdade que aínda que suprimamos xente nuns servizos noutros fai falta máis”.

Implementaría algún sistema de control de horarios aos traballadores municipais?
G.J: “Fomos o único partido que o propuxemos no pleno, aceptouse pero non se implantou polos intereses dos sindicatos”.

Contrataría un familiar como asesor se é alcalde?
G.J.: “Cremos que ten que ir a mellor xente, o que pasa é que ás veces xeras unhas suspicacias e iso é malo. Sempre digo que se esa persoa é tan competente non terá problemas para atopar traballo no sector privado”.

Os impostos municipais deben subir, baixar ou manterse?
G.J.: “Hai que baixalos porque o que nos están dando a cambio deles é deficitario. É unha presión fiscal bastante alta e onde mellor se move a economía é no diñeiro dos cidadáns”.

Apoia a continuidade do calendario de eventos culturais que hai na cidade?
G.J.: “Non, cambiaríao ao 100%. Faría un renacemento cultural. Adaptaríao ao pobo. O pobo ten que pagar a metade do custo dos eventos para que realmente se estea ofrecendo o que a xente demanda”.

Teñen que xogar algún papel as asociacións veciñais na política municipal?
G.J.: “Non, creo que a política municipal débena xogar os cidadáns individualmente, eu non creo na representatividade das asociacións de veciños”.

Neste mandato os plenos non deron moi boa imaxe dos políticos.
G.J.: “Grazas a Deus, porque estaban roubando e nós conseguimos sacar á luz iso, foi grazas a nós”.

Deberían modificarse?
G.J.: “Debería modificarse porque non serven para nada e facelos doutra forma”.

Cal é a postura de DO sobre os políticos imputados?
G.J.: “Democracia Ourensana opina igual que os xuíces: ata que non estean condenados ninguén ten que dimitir. Sen embargo, se hai sospeitas, os superiores do partido ou o pobo co voto terán que tomar medidas”.

Cal é a posición de DO sobre pactos tralo 24M?
G.J.: “As ideas por ribas das persoas, que se cumpran os programas electorais”.