Zaida Rodríguez

Entrevista a Zaida Rodríguez, candidata do PSOE en Allariz.

Despois de catro anos sen presenza na corporación municipal de Allariz, o PSOE presenta unha candidatura renovada, coa empresaria Zaida Rodríguez como cabeza de lista.

Como definiría a situación actual de Allariz?
Z.R.: “Mellorable… aínda que o escaparate sexa perfecto o contido pódese mellorar”.

Cal é o principal problema que ten Allariz e como pensa vostede e o seu partido solucionalo?
Z.R.: “A falta de emprego para os nosos mozos e o abandono do rural. Quero que a política municipal se encamiñe cara a actividades produtivas creadoras de emprego e quero que os pequenos núcleos de poboación rural ocupen na nosa politíca municipal un lugar máis destacado do que teñen hoxe en día; posibilitarlles o acceso e a utilización dos mesmos servizos públicos que teñen o resto de veciños do núcleo urbano”.

Que propostas ten o PSOE para a dinamización económica de Allariz?
Z.R.: “Os concellos deben estar ao servizo da recuperación económica e da creación de emprego. Debemos impulsar políticas que repercutan na creación de emprego de calidade e no principio fundamental de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes”.

Como definiría a lista que presenta o Partido Socialista en Allariz?
Z.R.: “É unha lista formada por xente nova e xente non tan nova, pero todos temos moitas gañas de traballar e con ideas renovadas”.

Pactaría con algún outro partido para gobernar?
Z.R.: “Si, sempre e cando non se cruce a liña que contrapón unhas ideoloxías e outras. É decir, pactaría con partidos ideoloxicamente afíns, porque penso que, aínda que agora está de moda non ser nin de dereitas nin de esquerdas, si que existen coma tal e hai un abismo entre unhas e as outras”.

A un veciño de Allariz, como o convencería de que a votase?
Z.R.: “Creo que non o ‘convencería’ no sentido literal da palabra … o que faría sería explicarlle que o noso obxectivo principal é o de achegar á política a todos os veciños e veciñas, o que queremos é que formen parte dela, que se integren nun Concello máis aberto, máis próximo, máis participativo e máis transparente”.