Susana García

Entrevista a Susana García, candidata do BNG-Asembleas Abertas á alcaldía de Ourense.

 

Quen é Susana García?
Susana García: “Teño 44 anos, teño dous fillos, son licenciada en filoloxía hispánica e galego portuguesa pero como moitos ourensáns tiven que recorrer ás oposición para poder traballar, traballo na Xunta”.

Díganos unha proposta que leve no seu programa que se poida aplicar desde o minuto 1 se chega a gobernar.
S.G.: “Pois abrir a Casa de Mocidade cumprindo todas as condicións do regulamento de uso, non isto que acaban de facer a última hora de abrir a medias”.

E un servizo que funcione ben no Concello e non tocaría.
S.G.:“Pois en xeral o tema de asistencia social, sevizo de axuda a fogar, etc. non o tocaríamos para desmantelalo, incrementaríamolo pero en principio estamos de acordo coa liña que se seguiu”.

Sobre o PXOM, que faría o BNG co documento que se está a tramitar?
S.G.: “Aprobar as alegacións que nós presentamos, facer esa segunda exposición pública que nós demandábamos para a aprobación inicial para que a xente coñeza o texto final e aprobalo canto antes para poder iniciar unha nova etapa no urbanismo de Ourense”.

Considera a previsión de vivendas acaídas?
S.G.: “Si, pensamos que si, prevé unha edificabilidade sostible e non queremos que se aumente porque nos parece unha tontería, non tería futuro ese nivel de construción en Ourense outra vez”.

As contratas municipais funcionan ben?
S.G.: “Hai varias que desempeñan ben o servizo pero hai outras que están funcionando bastante mal: o mantemento das zonas verdes, a recollida de lixo… hai unha serie de cousas que poderían mellorar moito e por iso pensamos que a remunicipalización podería mellorar a prestación do servizo”.

Cando foi a última vez que viaxou en bus urbano?
S.G.: “Antonte”.

Cal é a proposta do BNG para poñer en marcha o transporte metropolitano?
S.G.: “Máis que metropolitano queremos un transporte comarcal, e dar sevizo a un maior número de persoas. O problema está na Xunta. Presentou en 2005 unha proposta de convenio que invadía competencias muncipais, establecía liñas interurbanas polo centro da cidade cando os informes da Policía Local desaconsellan as paradas que propuña a Xunta. O BNG cando estaba no goberno enviou unha proposta de modificación e non houbo resposta da Xunta. É certo que o PSOE desde que tivo responsabilidades en mobilidade tampouco deu pasos para resolver este problema e nós queremos xa que se instale porque hai 140.000 persoas que están esperando ese billete único”.

Cre que o Concello de Ourense ten a plantilla axeitada?
S.G.: “Iso é unha das cousas que queremos estudar. Cremos que hai servizos que están sobredimensionados, teñen exceso de persoal e outros non teñen persoal. Nós demandámoslle en repetidas ocasións que modificase a RPT para axustarse ás necesidades reais, como non o fixo descoñecemos as necesidades.

Coa nosa proposta de remunicipalización probablemente sexa necesario incrementar a plantilla pero tendo en conta que agora mesmo tamén hai traballadores nas contratas co cal tampouco sería un aumento real”.

Implementaría un control de horarios para os funcionarios?
S.G.: “Si, por que non? Estase facendo noutras administracións e no Concello de Ourense tamén sería factible. Sobre todo porque tamén dá facilidades, cunha flexibilidade no horario de entrada e saída os traballadores e traballadoras poderían adaptarse á súa vida persoal e cumplir o horario igualmente”.

Contrataría un familiar como asesor se é alcaldesa?
S.G.:“Creo que esa posibilidade está excluída”.

Os impostos municipais deben subir, baixar ou manterse?
S.G.: “Débense modificar, nós propoñemos unha reforma do sistema fiscal do concello, que se reformen de maneira que sexan máis progresivos, que paguen menos quen ten menos e que paguen máis quen máis ten. Progresividade é facilitar o pagamento de tributos para esas persoas en dificultade e en cambio non diminuiríamos a recadación do Concello”.

Apoia a continuidade do calendario de eventos culturais que hai na cidade?
S.G.: “En xeral apoiamos todo aquilo que nós desenvolvimos desde a nosa acción de goberno: a recuperación do ciclo anual festivo, as festas tradicionais, o teatro. Os ciclos de música clásica reformularíamolos porque non ten sentido ter dous no ano, e o Festival de Cine é eterno debate e aí abriríamolo ao debate público e tomaríamos unha decisión”.

Teñen que xogar algún papel as asociaciósn veciñais na política municipal?
S.G.: “Si, claro. De feito unha das nosas propostas é a división da cidade en distritos que estarían xestionados por un órgano de goberno formado polos veciños, aí xogarían un papel importante as asociacións e federacións. Estes distritos contarían cunha partida orzamentaria para que tivesen realmente capacidade de decisión.

Por outra parte, estábase empezando a reformar o regulamento do pleno para que os veciños e veciñas poidan participar nos debates plenarios”.

Neste mandato os plenos non deron unha boa imaxe da clase política ourensá. Cre que deberían refomularse?
S.G.: “Eu creo que si hai que cambiar o regulamento para abrilo á participación pero o resto é cuestión das persoas que forman parte da corporación. Se un vai ao pleno a montar un espectáculo porque lle resulta interesante para os seus intereses particulares ou un non sabe debater sen alporizarse iso xa é unha cuestión persoal”.

Cal é a posición do Bloque sobre os políticos imputados?
S.G.: “Temos un código ético moi claro que practicamos estritamente e cada vez que haxa unha imputación haberá unha dimisión pola nosa parte, o mesmo lle pediríamos aos demais que fixesen, pero claro aí xa non podemos tomar decisións. Nós temos demostrado que o practicamos e no seu momento saimos do goberno porque había un alcalde imputado que non quería dimitir”.

Está aberto o BNG a pactos tralo 24M?
S.G.: “De momento está sen decidir. Estamos traballando dando a coñecer a nosa proposta e confiamos que a cidadanía nos dea o apoio necesario para liderar o goberno. Partindo de aí, o que non faríamos é darlle o noso apoio a unha forza que está recurtando servizos e dereitos, o PP. Intentaríamos conformar un goberno de esquerdas e en todo caso sería unha negociación baseada no programa e no noso proxecto”.