Lito Prado

Entrevista a Lito Prado, candidato de Anova á alcaldía de Ourense.

 

Quen é Lito Prado?
Lito Prado: “É un pai de dúas nenas, educador social de profesión e activista social, e un utópico irrenunciable”.

Díganos unha proposta que leve no seu programa que se poida aplicar desde o minuto 1.
L.P.: “A transparencia, ao que nos comprometemos xa antes de comezar o partido. Só tes que sacar unha autorización notarial e podes entrar en Catastro, en Facenda, etc. e coñecer os meus datos. É moi importantte porque os políticos só fan unha declaración patrimonial e poden mentir”.

Cal é a postura de Anova sobre o PXOM?
L.P.: “Nós xa fixemos alegacións ao PXOM hai un ano, son as mesmas que levamos agora: que se reduza o número de vivendas construídas, que se dea unha cerrazón ás grandes superficies comerciais, que se prime a rehabilitación, que se podan deseñar espazos de lecer público”.

Que faría Anova coas concesións municipais?
L.P.: “Remunicipalizalas. Nós imos recuperala todos, algunhas porque caducan, outras porque cremos que moralmente se rompeu o contrato, por exemplo Vendex. Queremos sacarlle o lucro aos servizos públicos”.

Cando foi a última vez que viaxou en bus?
L.P.: “Hai 15 días porque tiven que subir á Residencia. Propomos un transporte público de calidade integrado dentro dunha mobilidade universal, xestionado directamente polo Concello, para artellar todo o concello e chegando a acordos con outros concellos limítrofes. E nas parroquias imos implementar o transporte a demanda”.

Considera que a plantilla municipal é a axeitada?
L.P.: “Depende de en que servizos. Son necesarios traballadores con especialización: un arquitecto, un topógrafo, bombeiros, policías locais, eses servizos hai que reforzalos. Os outros traballadores hai que reorganizalos”.

Implementaría un control de horarios para os funcionarios?
L.P.: “O que é necesario é unha auditoría gradual, reunirse cos traballadores de cada servizo e que eles digan que carencias teñen, como vai o servizo, e unha vez que digan, miraremos. Loxicamente o Concello ten que auditar ese traballo. Por outra banda é xenial para o traballador, porque se se fan horas extras é unha forma de corroborar que teñen que facelas”.

Contrataría un familiar como asesor?
L.P.: “Nunca. Eu non podería contratar a miña filla como asesora, caeríaseme a cara de vergoña, aínda que fora a mellor do mundo e sei que podería ser inxusto para ela pero temos que gardar as formas e a estética é tan importante como a legalidade”.

Os impostos municipais deben subir, baixar ou manterse?
L.P.: “Hai que ser razoable e coherente. Nós queremos a universalización do IBI: se somos máis a contribuir pagaremos menos. E hai que redistribuilo: aqueles que teñen acumulación de vivenda baleira subirase pero aqueles que a poñan en aluguer se lles baixará”.

Apoia o mantemento do calendario de eventos culturais da cidade?
L.P.: “A cidadanía e as entidades culturais teñen que participar nesas decisións. Hai certos eventos que se está vendo que non teñen apoio cidadán, como o Festival de Cine, o Corpus… Ourense ten que ser a cidade do teatro”.

Teñen que xogar algún papel as A.VV. na política municipal?
L.P.: “Un papel fundamental teñen que xogar todas as asociacións, sexan ou non veciñais. A participación vai ser dos cidadáns, calquera veciño ten que ter voz no Concello e ferramentas para ser escoitado”.

Neste mandato os plenos non deron unha boa imaxe da clase política.
L.P.: “O problema é a baixa calidade de representantes políticos que tivemos ata agora. Hai unha utilización dos plenos. Teñen que ser moito máis áxiles e participativos”.

Cal é a postura de Anova sobre políticos imputados?
L.P.: “Nós non levamos políticos imputados. No momento en que esteamos imputados ou por incumprimento non razoado do programa é a propia organización a que nos deroga. Aínda que che digo outra cousa: calquera persoa de Anova está concienciada para ser imputada por algo que sexa de xustiza social”.

Que opina dos pactos?
L.P.: “Nós non falamos de pactos, falamos de gobernabilidade. Non deixaremos gobernar ao PP. Deixaremos gobernar a aqueles que en audiencia pública estean dispostos a cumplir como mínimo tres puntos programáticos: a normativa en igualdade, en lingua e mobilidade, a transparencia e a participación”.