Os candidatos Javier Octavio de Toledo, número sete da candidatura, e Montse Malvar, a número oito, deron unha rolda de prensa para valorar as actividades realizadas durantes estas dúas semanas.

“Cumprimos e demostramos que si hai xeitos de ter unha xestión áxil, eficiente, transparente e en beneficio das persoas. E a pesar do limitado orzamento en comparación con outras forzas que concorren ás municipais, fomos as que desenvolvemos a campaña máis próxima, fresca, e diferente ás campañas tradicionais , ou eso nos dín”, explicou Javier Octavio de Toledo.

Estamos satisfeitas de ter feito toda unha campaña sen experiencia previa, en tempo récord e cumprindo co orzamento planificado, de 5.500 euros. Un orzamento cuberto con achegas económicas de veciñas e veciños, que se implicaron con donativos e empréstitos apostando por Ourense en Común», afirmaron. As maiores partidas do orzamento foron destinadas á impresión de 4.500 cartaces, 11.000 volandeiras, aluguer de local e pintura para graffitis. “Todos os datos sobre os gastos de campaña están penduradas no apartado de transparencia dentro da nosa web”.

Actividade
Nos nove días laborables de campaña, Ourense en Común estivo en outros tantos encontros en espazos públicos de diferentes barrios da cidade : Seixalbo, Barrocás, As Lagoas, A Ponte, O Posio, A Carballeira, O Vinteún, O Couto, e O Polvorín. Ademais, nas dúas fins de semana que ocupou a campaña, o equipo de Ourense en Común produciu 7 actividades lúdico-culturais de balde para públicos de diferentes idades.

“Queriamos con esto dinamizar e poñer en valor o que xa temos, e visibilizar o que precisamos: nenas e nenos felices, unha mobilidade sustentable e eficiente, fomentar o comercio local, apostar polo talento de aquí ou valorar o noso patrimonio. Fixémolo tamén”, asegurou Javier Octavio de Toledo.

“Unhas 50 persoas estivemos esta última quincena dando o mellor das nosas capacidades e folgos para sacar a campaña que vístedes adiante: atendendo o punto informativo, producindo chapas, pegando cartaces, deseñando, fotografando, producindo vídeos, montando os sets nos barrios, probando son, creando contido, levando as redes, xestionando axendas, mantendo a web, enviando notas de prensa ou ata facendo transmisións en directo”, destacou Montse Malvar.

Ao seu xuízo «Ourense en Común xa gañou, xa comezamos a mudar o xeito e os métodos para facer política. Gañamos coa idea de que é posible ese cambio, e de que todas poidamos axudar a desenvolvelo».