Como apuntaba a candidata Noa Presas, os feitos avalan a súa aposta pola igualdade, «ao situar como cabezas de listas a dúas mulleres en Ourense, unha europarlamentaria, dúas deputadas no Congreso, catro deputadas no Parlamento Galego e varias candidatas nos primeiros postos das listas ás eleccións muncipais”.

 

«Porque as mulleres non estamos en política para cadrar números, estamos por méritos propios, con voz propia porque somos capaces de transformar a política”. Con estas palabras iniciaba a deputada Carme Adán a súa intervención este venres en Ourense, onde acudira para falar das propostas do BNG-Asembleas Abertas «mais os insultos proferidos (nun debate na véspera) por Gonzalo Jácome contra a candidata nacionalista Susana García empañaron o que debe ser unha campaña electoral -achegamento de propostas- para convertela nun discurso de violencia machistas contra todas as mulleres», indicaron as nacionalistas nun comunicado. «Afirmar que Susana García exerceu a prostitución nunha barra americana é insultar a todas as mulleres, tamén ás que exercen a prostitución, a maioría delas víctimas da violencia», continuaba o comunicado.

Pola súa banda, Susana García pedíulle a todas as mulleres que o día 24 pensaran ben o sentido do seu voto “entre todas, temos que impedir que un misóxino teña representación no Concello de Ourense e tamén lle pregunto ao candidato do PP, Jesús Vázquez, se está disposto a formar goberno cunha persoa que insulta e exerce a violencia verbal contra as mulleres”.

Logros

A concelleira Ximena González referíuse ao traballo desenvolto polo BNG ao longo dos últimos anos, reformando o edificio de Radio Eca e converténdoo no edificio do CIMM no Couto, un espazo íntegro para as políticas de igualdade. Foi tamén o BNG quen elaborou o II Plan de Equidade do Concello de Ourense e a súa ordenanza levando por primeira vez a todas as áreas de goberno políticas transversais. Tamén na oposición o BNG liderou a defensa dos dereitos das mulleres conseguindo unha campaña institucional en favor dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres.