As Organizacións Sindicais de Xustiza emprazan á Delegación de Xustiza a tomar medidas urxentes que eviten máis lesións.

 

A Xunta de Persoal de Xustiza de Ourense denuncia novamente que este 22 de maio, sobre as 9:30 horas da mañá, unha señora caeu nas escaleiras de acceso ao edificio xudicial sito na rúa Velázquez de Ourense, sendo trasladada nunha ambulancia por sufrir un forte golpe na cabeza.

A Xunta de Persoal denuncia que non é o primeira vez que isto sucede, de feito esta é a terceira ocasión na que teñen que intervir os servizos médicos.

A situación de grave risco para os traballadores e usuarios dos acceso aos novos xulgados de Ourense xa foi posta en coñecemento da Delegación de Xustiza, “sen que teñamos coñecemento de que se fixese algo por resolver este problema que se repite e que, dende a Xunta de Persoal, consideramos ben sinxelo resolvelo: tan simple como colocar pasamáns nas escaleiras e pintar os bordos destas para que se sexan ben visibles”, explican.

A Xunta de Persoal considera que as medidas de prevención destes xa reiterados accidentes deben tomarse de forma urxente e inmediata e non esperar a que haxa novos accidentes.