Rosa Quintana na clausura de Vinis Terrae

Rosa Quintana anunciou neste acto que o seu departamento convocará proximamente unha orde de axudas para os agroalimentarios galegos de calidade diferenciada.

Estas axudas van dirixidas aos produtores primarios inscritos en denominacións de calidade, mediante a contribución ao financiamento dos custes fixos que esta participación ocasiona. A Xunta destinará a esta convocatoria un total de 800.000 euros, para unha axuda cuxa contía poderá chegar ao 100% dos gastos realizados, cun teito establecido.

Así o lembrou a conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, no transcurso da clausura da VI edición do Salón do Viño e Licores Galegos de Calidade – Vinis Terrae, na que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, entre outras autoridades.

Este salón pon de manifesto a aposta pola calidade que realizan os viticultores e adegueiros galegos; mentres que a futura orde reflexa o apoio da Xunta para este sector..

No que respecta á exportación é importante destacar a estratexia avanzada a pasada semana polo presidente da Xunta, pola cal o Igape impulsará un plan de promoción internacional dos viños de Galicia durante os dous próximos anos. Unha iniciativa na que interveñen as denominacións de orixe vitivinícolas da Comunidade.

Web da Evega
Por outra parte, Rosa Quintana participou na presentación da nova páxina web da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), que está dispoñible no enderezo http://evega.xunta.gal/.

A conselleira destacou que este espazo en internet enmárcase na modernidade e na actualidade e que constitúe unha plataforma para interactuar cos axentes do sector, sendo tamén un punto de formación e información en materias de viticultura e enoloxía. Valorou ademais que cun simple “clic” a través desta web pódense consultar todas as novas sobre o sector e as actividades da Evega, tales como liñas de investigación, información de proxectos nos que participa o Centro ou cales son os programas auspiciados polos Fondos Europeos. Rosa Quintana salientou tamén que con este espazo na rede da Evega “poderemos estar ao día no tocante a cursos, xornadas e seminarios desenvoltos ao abeiro do Plan Galego de Transferencia Tecnolóxica”.