Baltar co mapa da provincia

Ourense é a terceira provincia española en apoios ao PP, que foi a forza máis votada en seis dos sete partidos xudiciais.

 

O presidente provincial do PP de Ourense, Manuel Baltar, compareceu este martes para avaliar en profundidade os resultados das eleccións municipais deste domingo. Baltar remitiuse aos datos para avalar a victoria da súa formación nestes comicios. Dunha banda, dixo, Ourense foi a terceira provincia española en apoios ao PP. Doutra, os populares foron a forza máis votada en seis dos sete partidos xudiciais (agás no de Valdeorras), sendo o partido máis votado en 70 concellos (en 61 deles con maioría absoluta). Ademais, “de cada dez alcaldes, case sete serán do PP”, indicou, salientando ao mesmo tempo que o 42% das alcaldías que o PP gobernará neste próximo mandato en Galicia están en Ourense (61 dun total de 148).

O presidente dos populares ourensáns quixo extrapolar os resultados das municipais a outro tipo de eleccións, para ratificar o poder que esta formación mantén na provincia. Se fosen autonómicas, o PP seguiría mantendo os 8 deputados dos 14 totais (para o PSOE serían 4, para o BNG un e para DO outro). Se fosen xerais, conservaría os tres deputados actuais, o cuarto sería para os socialistas. Baltar incluso xogou a ‘política-ficción’: se se dera o caso de que os representantes na Deputación se elixisen directamente, o PP obtería 13 escanos, o PSOE 7, o BNG 3 e DO 2.

“Visto o panorama xeral xeral despois das eleccións, ter o 42% dos concellos, ter a única Deputación de Galicia, a única grande cidade na que podemos gobernar, son boas noticias para os populares”, concluiu Manuel Baltar. Tanto Mariano Rajoy como Alberto Núñez Feijoo chamárono para felicítalo polos resultados, confirmou o dirixente popular.

Deputación
Con respecto á Deputación Provincial, o PP acada 14 deputados (tiña 15), o PSOE mantén oito, o BNG queda con un e entra Democracia Ourensana con dous. Baltar anunciou que esta semana dará a coñecer o nome dos “13 compañeiros” que se converterán en deputados provinciais, nove deles serán caras novas, anunciou. A data da constitución do ente provincial queda a expensas de posibles reclamacións electorais.

Con respecto á entrada de DO na institución provincial, Baltar “saúda” a presenza de forzas novas “sexan as que sexan” pois así é “unha Deputación máis plural”.

Resultado na capital
Sobre o resultado dos populares na capital ourensá, o presidente do PP de Ourense sinalaba que “melloramos con respecto a 2011” por ser agora a lista máis votada e tamén a que máis concelleiros posúe. Baltar considera “factible” un goberno en minoría do PP. Ante un posible pacto con DO, opina que ceder a alcaldía a Gonzalo Pérez Jácome “non admite negociacións”; “os cidadáns falaron claramente e o preferido para alcalde é o número 1 do PP”.

Resultados noutros municipios
No que se refire ao resultado nos municipios nos que o PP perdeu a maioría absoluta, como Verín, O Carballiño, Barbadás, Ramirás ou Sandiás, Baltar apuntou á necesidade de avaliar “a idoneidade” dos candidatos a futuro e escoller “os mellores”.