Disputouse a penúltima xornada na Primeira División do fútbol sala coas vitorias dos dous conxuntos ourensáns.

Cidade As Burgas
O Cidade As Burgas xogaba contra o Poio nos Remedios. O Cidade despedíase do seu público por esta tempada goleando ao Poio por 5-2.

Lucía Nespereira, no minutos 3, adiantaba ás de Codeso. Na medianía da primeira metade Iria lograba o segundo de penalti. Acto seguido, Nespereira introducía en propia porta o balón o que facía recurtar as distancias. E tres minutos máis tarde, Charo empataba a contenda. Vane, antes do descanso, poñía en vantaxe novamente ás locais.

Na segunda metade, Peke primeiro e Iria despois, certificaban a vitoria ourensanista (5-2).

O Cidade As Burgas mantén a segunda posición de cara a última xornada.

Ordizia será o rival na cancha e o Burela o equipo que lle pode quitar o subcampionato. A vitoria do Cidade ou acadar o mesmo resultado que as lucenses faría que o Cidade rematara a Liga na segunda posición.

Copa
O Cidade xa coñece ao rival na semifinal da Copa de España. Será o Burela e disputarán o encontro no pavillón La Estación de Navalcarnero. A outra semifinal emparella ao Atlético de Madrid contra o Universidad de Alicante.

Ourense Envialia
O Envialia, sen nada que xogarse nestas xornadas, visitaba a cancha do Viaxes Amarelle.

María Romero lograba o único tanto da primeira parte. Na segunda o Amarelle foi quen de darlle a volta ao marcador con goles de Lago e Espi. Pero Sara Moreno, primeiro, e Rosángela, despois, foron quen de lograr dous tantos máis que fixo que os tres puntos viaxaran a Ourense.

Esta fin de semana remata a Liga. O Ourense Envialia recibe ao Bilbo nos Remedios a partir das 17 horas.