As persoas interesadas poden solicitalas ata o vindeiro luns no Concello de Ourense. Subvencionarán parcialmente o custo da redacción dos informes.

O Concello de Ourense lembra que ata o día 1 de xuño está aberto o prazo de presentación de solicitudes para a convocatoria 2015 de subvencións realizada polo Concello para gastos derivados da realización dos informes da inspección técnica de edificacións (ITE).

O obxecto da convocatoria é subvencionar parcialmente o custo da redacción do Informe de Inspección Técnica da Edificación, ben de xeito independiente, ben incorporado no Informe de Avaliación do Edificio como parte deste. Polo tanto subvenciónanse os honorarios profesionais xerados pola redacción do informe de Inspección Técnica da Edificación que se describe na Ordenanza municipal reguladora do deber de conservación, da inspección técnica de edificacións e de ruína do Concello de Ourense.

A presentación do informe de ITE dentro do prazo establecido pola ordenanza municipal reguladora é requisito indispensable para poder participar na convocatoria. Non entanto, tamén habilitará para participar nela o informe de ITE presentado voluntariamente

O informe ten que referirse a edificios ou parte deles que teñan uso residencial e constitúan a vivenda habitual do solicitante da subvención. A persoa solicitante (ou a unidade familiar na que se inclúa) non poderá superar en máis de 2,5 o indicador público da renda de efectos múltiples (IPREM).

As axudas contan cunha partida de 25.000 euros para este exercicio. A contía máxima da axuda non poderá superar o máis desfavorable dos dous seguintes límites: ou ben o 50% do custo de elaboración do informe ou ben o importe máximo de 200 euros por solicitante.

As persoas interesadas poden obter máis información na páxina web do Concello ou no Servizo de Rehabilitación, na rúa Primavera, 1, teléfono 988 388 237.

Subvencións compatibles coas doutras administracións
A presente subvención é compatible con calquera outra de carácter público que poida outorgarse polo concepto obxecto da presente convocatoria. De feito, a Xunta tamén convocou axudas, cuxo prazo de solicitude remata o 7 de agosto.