Parque de San Lázaro

Susana Bayo salienta que son medidas urxentes por risco de caída, e que veñen avaladas por tres informes técnicos.

 

A concelleira de Medio Ambiente en función, Susana Bayo, despídese do cargo cunha nova tala de árbores. Desta volta é no Xardín do Posío e afectará a 14 exemplares (11 dentro do parque e tres máis na rúa de Lugo). A edil socialista xustifica esta tala en que se trata dunha medida de urxencia por motivos de seguridade, para evitar a caída de árbores que “teñen unha putrefacción no seu centro e xa non poden seguir vivindo”.

Bayo recoñece que foi “unha decisión dura e longa” pero que se trataba dunha acción “comprometida por min, nun pleno en resposta a unha pregunta do BNG”

Segundo indicou a concelleira, son tres informes os que avalan a súa decisión: dúas opinións externas e a do técnico do servizo Carlos Cárcamo, que elaborou un inofrme final de valoración de medidas urxentes a acometer “por cuestións de seguridade”.

Ademais da tala e destoconado de 14 exemplares, noutras 29 árbores se realizará redución de copa “xa que non aguantan ese peso e poden producir perigo, están moi debilitadas polos anos que teñen”.

A responsable de Medio Ambiente insistiu en que se trata de medidas para intentar “salvar esas árbores” e apuntou á necesidade de facerlles un seguimento “para ver como avanzan, esperemos que se poidan recuperar como patrimonio natural”.

Visita ás actuacións no parque de San Lázaro

Bayo fixo este anuncio durante unha visita ao parque de San Lázaro, onde nos últimos tres meses se levan desenvolto actuacións de mellora que a edil ve “necesarias” ao tratarse dun dos parques con maior afluencia de público da cidade e ter “un maior desgaste”.

Ademais de realizar podas no mes de marzo “para que as árbores poidan seguir crecendo con normalidade”, repuxéronse as baldosas que estaban en mal estado. Nos últimos días retirouse o céspede morto e aireouse a terra para implantar un novo céspede, o denominado tepes. Tamén se revisou o rego do parque, colocáronse enredadeiras baixo os cedros onde non se pode plantar céspede “porque non vai para arriba” e especies “axeitadas” para os lugares máis sombríos do parque, como hortensias e cornus.

Os últimos elementos en instalarse son dúas novas fontes que substitúen ás que había, de corrente continua de auga e que non daban servizo a persoas con discapacidade. As novas están “adaptadas a minusválidos e ademais van ser con pulsador”, polo que se producirá un aforro importante de auga.