Será o sábado 30 de maio e está organizada pola Plataforma Ríos Limpos.

 

A Plataforma Ríos Limpos, en colaboración co vecindario de Porto-Alemparte, organiza o vinderio sábado 30 de maio unha andaina polo val do río Arnoia para visibilizar “as desfeitas medioambientais”, que están producindo as obras do tren de alta velocidade na provincia de Ourense. “As obras do AVE están destruíndo o patrimonio natural, a etnografía, o patrimonio cultural… Xa son máis de 50 hectáreas destruídass das nosas fragas autóctonas”, denuncian. Frente a isto, esixen á Administración Pública que se cumpra a lexislación, se minimice o impacto das obras e se establezan medidas correctoras.

Esta andaina dará comezo ás 10 horas do sábado no local social de Porto-Alemparte (Vilar de Barrio) e terá un percorrido total de 19 quilómetros. Despois da mesma está previsto un xantar de convivencia a partires das 15 horas nesta mesma instalación. O prezo da actividade completa, incluíndo o xantar, é de 5 euros.

Ademais, a organización adianta que haberá un xogo de orientación con sorteo de agasallos ao remate da xornada e algunha que outra sorpresa máis.