O Inega desenvolverá, xunto a Coren e EnergyLab, un proxecto demostrativo de 1,2 millóns de euros no complexo da empresa en Santa Cruz de Arrabaldo, na procura de xerar enerxía térmica a partir da combustión dos residuos con biomasa forestal.

O Consello da Xunta aprobou este xoves un acordo de colaboración do Instituto Enerxético de Galicia (Inega) con Coren e Energylab para desenvolver un proxecto demostrativo nas instalacións da empresa en Santa Cruz de Arrabaldo, Ourense. Esta iniciativa pioneira, que conta cun orzamento conxunto de 1,2 millóns de euros, permitirá coñecer as posibilidades que ofrece a biomasa avícola con fins térmicos de cara a mellorar a eficiencia enerxética do sector agroindustrial.

Para acadar este obxectivo, instalarase unha caldeira con capacidade para xerar enerxía térmica a partir da combustión da biomasa forestal e dos residuos da fábrica. Deste xeito, aspírase a cubrir, co emprego dunha fonte renovable, o 70% da demanda térmica do complexo, acadando uns aforros anuais próximos aos 270.000 euros e evitando a emisión á atmosfera de 5.440 toneladas de CO² por exercicio.

Neste sentido, a iniciativa permitirá avaliar a viabilidade técnica e económica que permita a súa posterior replicación noutras explotacións gandeiras, contribuíndo a unha importante redución de custos que redundará en beneficio da competitividade industrial. Así mesmo, o uso dun recurso autóctono renovable como é a biomasa facilitará a diversificación enerxética do sector e diminuirá a dependencia enerxética exterior, acadando importantes melloras ambientais.