Antonio Rodríguez Miranda

Antonio Rodríguez Miranda presidiu a primeira das xornadas de traballo do máximo órgano de representación da diáspora, encontro que clausura este venres o presidente da Xunta.

 

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, presidiu este xoves a primeira das xornadas da xuntanza anual da Comisión Delegada do Consello das Comunidades Galegas, que está a desenvolverse no Mosteiro de Santo Estevo. Na xornada do venres, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, clausurará o encontro da Comisión Delegada.

Rodríguez Miranda expuxo as liñas fundamentais de actuación do seu departamento neste ano 2015, no que o investimento social foi a prioridade no deseño orzamentario do departamento: “O esforzo que Galicia e o seu Goberno están a realizar para axudar a aqueles que máis o necesitan, nestes tempos de dificultades económicas, tense trasladado de igual maneira á Galicia do Exterior”, segundo salientou Miranda.

Así, o secretario xeral destacou que, ademais de manter e mesmo incrementar nalgún caso as contías económicas practicamente inalteradas respecto a exercicios pasados no relativo a axudas directas a comunidades e individuos, se teñen rexistrado importantes adiantos cronolóxicos na convocatoria e resolución das ordes de axuda e subvencións tanto a comunidades galegas como a individuos galegos no exterior.

A Comisión Delegada
A Comisión é un órgano que se reúne polo menos unha vez ao ano, no que delega, por votación, a súa representación o Consello das Comunidades Galegas, formado polo centenar amplo de centros e casas de Galicia con recoñecemento oficial en todo o mundo. Forman parte da Comisión catro membros electos en representación dos centros e casas de Galicia en España, outros catro electos por aqueles con sede en Europa, e outros catro electos polos de América, máis os centros considerados ‘membros natos’: aqueles que superan os 50.000 asociados.