A Agrupación Apícola de Galicia celebrará en Barbadás varios cursos sobre a apilcultura.

 

“Se queres máis froitos e mellores pon unha colmea na túa vida” ou “Apiculturízate!” son os lemas nos que se basean os cursos de iniciación á apicultura e cría de raiñas que a Agrupación Apícola de Galicia celebrará en Barbadás. A Agrupación Apícola de Galicia organiza un curso de iniciación os días 29 e 30 de maio (en horario de 10 a 14 e de 16 a 19 horas) e outro máis especializado de cría de raíñas que comezará o 13 de xuño, ambos cursos terán parte teórica e práctica. A parte teórica será no Centro Empresarial Transfronteirizo de Barbadás.

Todos aqueles que estean interesados, poderán iniciarse no mundo da apicultura e coñecerán os beneficios que poden achegar as abellas á nosa vida; “posto que ademais de darnos ese alimento dous deuses como é ou mel e os outros produtos da colmea, tamén nos imos ver beneficiados pola polinización tendo así nas nosas hortas máis froitos e máis grandes”, explican dende a Agrupación.

Coa acción do home sobre o medio, a través de plantas transxénicas, de novos insecticidas, de urbanización do espazo rural, grande parte dos insectos van desaparecendo, polo que a abella recargou o seu traballo polinizador ata chegar a ser responsable de case o 90% deste. De aí a importancia de manter as abellas para asegurarnos diversidade.

Con estes cursos búscase formar novos abelleiros e abelleiras, refrescar a adaptar os coñecementos dos xa veteranos e tamén achegar esta actividade á poboación en xeral.  O temario do curso inclúe os coñecementos básicos sobre as abellas, instalación e manexo das colmeas e o apiario, tipos de colmeas, calendario apícola e sanidade das abellas. Na parte práctica levarase a cabo o cambio de cera nas colmeas e tamén os manexos típicos no colmear.

O curso ten un custe de 10 euros para os socios da Agrupación, e de 50 para os non socios. Os interesados en inscribirse poden facelo nos teléfonos 988 36 00 89 e 646 788 215.