Esta iniciativa, que acada este ano a súa décima edición, busca facilitar a readaptación destas mulleres ás súas vidas diarias despois dos tratamentos.

 

O luns 1 de xuño dará comezo a 10ª Edición de Vitalia: Estancias socioterapéuticas en centros de descanso para mulleres operadas de cancro; un proxecto ideado e posto en marcha pola AECC Ourense no 2004 para dar resposta a unha problemática que as mulleres con cancro de mama estaban a experimentar en relación a esta enfermidade polas secuelas que esta lles provocaba e polas dificultades que atopaban para readaptarse ás súas vidas diarias despois dos tratamentos.

Debido aos bos resultados que se obtiveron, desde o 2007 Vitalia é un proxecto autonómico, promovido polos departamentos de Traballo Social da AECC Ourense, AECC Pontevedra e AECC A Coruña, que busca a readaptación á vida diaria das mulleres diagnosticadas de cancro, empregando para elo as terapias e actividades grupais máis innovadoras e pioneiras no tratamento e rehabilitación do cancro.

Nesta edición, participarán arredor de 25 mulleres operadas de cancro vidas de toda Galicia. A estancia realizarase na Residencia de Ocio e Tempo Libre do Carballiño, ata o 4 de xuño, e inclúe un amplo programa (levado á práctica por 12 especialistas) de carácter rehabilitador e convivencial con aulas de saúde, nutrición, autoestima, estratexias de afrontamento, empoderamento social, coidados estéticos e automaquillaxe, risoterapia, relaxación e danza, dinámicas grupais e rutas de sendeirismo, entre outros.