Este programa desenvólvese durante a tempada de baño, que nesta comunidade autónoma establécese dende o 1 de xuño ata o 30 de setembro.

 

A Delegación Territorial da Xunta en Ourense, a través da xefatura territorial da Consellería de Sanidade, vén de anunciar que se está a desenvolver o programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño de Galicia e que se vai prolongar durante a tempada de baño, que abrangue dende o 1 de xuño ata o 30 de setembro. A provincia ourensá conta na actualidade con 21 zonas de baño repartidas nun total de 18 concellos.

O delegado territorial, Rogelio Martínez, indicou que o obxectivo principal do Programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño é minimizar os riscos hixiénicos sanitarios. Para iso, explicou Martínez, ademais de vixiar as augas as zonas de baño censadas; identificar as verteduras que poidan supoñer unha deterioración da súa salubridade; facilitar que todos os usuarios dispoñan de información sobre a calidade microbiolóxica durante a tempada de baño e informar as entidades con responsabilidade na súa xestión sobre as condicións destas augas.

Metodoloxía
Así, o corpo de farmacéuticos inspectores de Saúde Pública recolle en total 10 mostras de cada zona de baño, unha antes do inicio da tempada, que xa se recolleu na segunda quincena do presente mes de maio, que confirma que as analíticas realizadas non deron ningunha alteración nos parámetros microbiolóxicos establecidos. As 9 restantes recóllense ao longo desta tempada (do 1 de xullo ao 30 de setembro), cunha periodicidade aproximadamente quincenal.

Nas mostras de auga analízanse, entre outros, os parámetros microbiolóxicos (enterococos intestinais e Escherichia coli). Ao final da tempada, cos resultados obtidos calcularase a cualificación de cada zona de baño.

Consulta dos datos
Así mesmo, dende o inicio da tempada informarase da cualificación sanitaria das augas de baño na páxina web da Dirección Xeral de Saúde Pública e Planificación da Consellería de Sanidade (http://www.sergas.es/dxsp) e tamén no Sistema de Información Nacional de Augas de Baño (Náyade) http://nayade.msc.es/Splayas/home.htlm.

Na tempada 2014 incluíronse no censo oficial da provincia ourensá 20 zonas de baño, nas que a súa cualificación sanitaria final, logo da vixilancia do cumprimento do programa, resultou de: excelente en 9 delas, boa en 6 casos, suficiente en 3 e só en 2 casos non se superou a suficiencia.