CCOO advirte que en maio en Ourense aumentou a precariedade laboral e a CIG considera o descenso «algo conxuntural».

Os sindicatos CCOO e CIG vén de facer unha valoración sobre os últimos datos do paro coñecidos, correspondentes ao mes de maio, no que a cifra de desempregados baixa na provincia en 696 persoas. Dos 4.927 contratos subscritos, 4.449 son temporais e 478 indefinidos.

CCOO valora que o paro rexistrado diminúe minimamente pero lamenta que fose unha vez máis «a conta de emprego precario e de tempada, co 90,30% dos contratos subscritos de carácter temporal».

CCOO considera que a «pírrica» redución do desemprego do mes de maio en Ourense ven dada pola estacionalidade da economía ao iniciarse, nesta época do ano, un ciclo de aumento do emprego en actividades de tempada vinculadas ao turismo, hostalería e comercio, fundamentalmente.

CCOO fala incluso de perda de emprego na provincia referíndose ao caso da deslocalización de Adolfo Domínguez polo «desinterese institucional por Ourense»  e que «probablemente acabe significando unha importante perda de emprego no téxtil».

O sindicato considera que “é preciso, necesario e urxente, un cambio na orientación política económica e laboral que deixe atrás as políticas de austeridade e de recortes, apostando polo crecemento e pola creación de emprego e mentres persista a situación é imprescindible un sistema de protección social e económica, unha ‘renda mínima garantida’ que protexa ás persoas que o necesiten e posibilitando a erradicación das desigualdades, a marxinación e a pobreza”.

Valoración da CIG

O descenso no paro é, en opinión da CIG, “algo conxuntural e habitual neste mes afectando sobre todo ao sector servizos ligado ao período estival”. Pola contra, na provincia continúase destruíndo emprego fixo, citando o caso do posible ERE de Adolfo Domínguez.

A central sindical tamén chama a atención que só 478 dos 4.927 contratos rexistrados en maio foron suscritos baixo a modalidade de indefinidos.

A CIG denuncia asemade o “elevado” número de desempregados que non perciben ningún tipo de prestación “o que supón un drama para miles de familias”. Os datos de maio amosan que só 13.337 percibe algunha prestación (deles 4.833 a prestación contributiva e 6.758 o subsidio).