A deputada, Tereixa Paz criticou os prezos da liña entre Ourense e Santiago, 16,60 euros por viaxe cando unha viaxe con similar distancia entre Vigo e Santiago custa 11,10 euros así como as frecuencias establecidas.

Para a deputada, a cidadanía está a sacar “un escaso partido” a esta liña polo que pediu ao Goberno galego emprender unha ofensiva ante RENFE, Adif e o Goberno do Estado para que as infraestruturas viarias e os servizos ferroviarios cubran as necesidades de mobilidade das persoas reclamando novos horarios, máis frecuencias e prezos acaídos ás demandas de estudantes e traballadores.

Pola súa parte, a directora xeral de Mobilidade, Elena de Lucas asegurou que se produciu un “reaxuste” por mor da posta en marcha de novos servizos ferroviarios do Eixo Atlántico e a oferta de servizos “parece satisfacer aos usuarios”. Sobre os prezos, dixo que veñen marcados pola prestación da liña, “a 200qm e sen paradas a Ourense e non como a liña de Vigo que realiza dúas paradas”. De Lucas tamén aludiu a diminución do custe dos billetes grazas aos abonos.

Na quenda de réplica, a nacionalista criticou que De Lucas non respondera a pregunta formulada polo BNG relativa a se o Goberno galego considera axeitada a situación dos usuarios nesta liña despois do gran investimento da infraestrutura. Eu creo, dixo, “que iso non favorece a mobilidade”.

En relación aos prezos Tereixa Paz cuestionou a contía dos billetes e as frecuencias e lamentou que a directora xeral non explicitara “un compromiso” na Comisión de Ordenación do territorio, para iniciar xestións ante o Goberno do Estado para mudar as tarifas e frecuencias.

Tereixa Paz concluíu a súa intervención reiterando que, a pesar dos “investimentos multimillonarios” e «estragos territoriais para a construción da alta velocidade», a política de RENFE e Adif segue no camiño de disuadir aos usuarios a que empreguen as liñas.