BNG de Barbadás

Veciños desta localidade e membros do BNG presentaron este xoves as firmas na Xerencia de Atención Primaria para esixir ao Sergas que non peche o ambulatorio ubicado no pobo de Barbadás.

 

As sinaturas foran recollidas durante o mes de maio. O voceiro nacionalista, Xosé Manoel Fírvida, afirmou que espera que a xerente do CHOU, Eloína Núñez, cumpra o seu compromiso de manter aberto o centro, tal e como asegurou hai un mes cando o BNG advertiu que se ía amortizar a praza de médico no momento en que Freire Couto -o seu titular- pedira o traslado para outro concello.

O BNG mantén a sospeita de que a pretensión do Sergas é pechar o centro dado que a praza de médico non saiu a concurso e está sendo cuberta, provisionalmente, por unha médica contratada a tempo parcial.

Tamén as veciñas e veciños de Sobrado, Bentraces, Loiro, Piñor, Parada e Barbadás desconfían das promesas de Eloína Núñez porque non se está accedendo a dar de alta cartillas no centro de saúde de Barbadás, apuntan os nacionalistas.