As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición entre o 8 e o 15 de xuño.

 

A concelleira en funcións de Benestar Social, Marga Martín, presentou no Salón de Plenos xunto á coordinadora da Rede Municipal de Centros Cívicos, Antonia García, a programación de actividades infantís durante os meses de xullo e agosto.

Destinadas a nenos e nenas de Infantil e Primaria, as actividades terán lugar en cinco centros cívicos da cidade: Colón, A Cuña, A Ponte, As Termas e Seixalbo, de luns a venres en horario de 10:30 a 13 horas.

As actividades serán gratuítas, co único requisito de estar empadroado ou empadroada no Concello de Ourense. Todas as persoas interesadas poden inscribirse entre o 8 e o 15 de xuño, entregando no Rexistro do Concello a súa solicitude, a recoller nos Centros Cívicos ou na Oficina de Atención Cidadá. Terase en conta a orde de entrega de solicitudes.

Quincenas temáticas

Os grupos serán de 25 nenos e nenas, distribuídos en quincenas. Estas serán temáticas, celebrándose actividades de carácter lúdico e educativo (manualidades, xogos, contacontos,…), relacionadas cos temas que dan título a cada unha: do 1 ao 15 de xullo, «O mundo da maxia. A vida máxica», do 16 ao 31 de xullo «Unha viaxe espacial. O universo», do 3 ao 14 de agosto, «O mundo da arte: a pintura, a música, a escultura», e do 17 ao 31 de agosto «A volta ao mundo. Culturas, paisaxe, xente».

1.000 persoas ao día nos centros cívicos

Marga Martín amosouse satisfeita pola acollida destas actividades nos últimos seis veráns, nuns horarios que axudan á conciliación da vida laboral e familiar dos ourensáns. O verán pasado participaron 650 nenos e nenas nestas actividades durante os meses de xullo e agosto.

A rede municipal de Centros Cívicos, formada polos Centros Cívicos de Colón, A Cuña, A Ponte, As Termas, Seixalbo e Ceboliño, acolle cada día a 1.000 persoas.