Este curso teórico-práctico ten como obxectivo a formación de profesionais sanitarios de urxencias e emerxencias para a toma de decisións máis axeitadas para o paciente traumático en cada momento.

 

Persoal sanitario facultativo dos servizos de urxencias, anestesioloxía e neurocirurxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, en colaboración co Comité de Trauma do Colexio Americano de Cirurxáns, organizan en Ourense o primeiro curso de atención médica continuada chamado “manexo prehospitalario dos pacientes politraumatizados”.

A doutora Ana Pastor Zapata, do Servizo de Neurocirurxía, a doutora Pilar Garzón Guiteria, do Servizo de Urxencias, e a doutora Conchi Alonso González, do Servizo de Anestesioloxía do CHUO son as instrutoras acreditadas en Ourense para impartir o curso no que participarán 16 profesionais de Galicia, Asturias e Castela León. Tamén participarán como instrutores o doutor Bernabé Fernández Esain, médico do Servizo de Urxencias del Complejo hospitalario Universitario de Navarra, Gorka Cascante Iribarren, técnico en Emerxencias Sanitarias na Unidade de Soporte Vital de Emerxencias de Guipúzcoa e Pedro Barranco García, técnico de emerxencias sanitarias en Valencia e campión de España e do mundo en rescate de vítimas de accidentes de tráfico.

O curso dotará aos profesionais de principios fundamentais para a toma rápida e axeitada de decisións ante un caso dun paciente politraumatizado mediante talleres teóricos nos que se abordará o manexo da vía aérea, o shock e a resucitación ou os diversos traumas: abdominais, musculoesqueléticos, torácicos, craneoencefálicos, e raquídeos. Tamén haberá talleres prácticos con estacións de destreza onde ensinaranse técnicas de inmobilización dos pacientes ou do seu manexo tras unha excarceración despois dun accidente de tráfico.