Será reorientado paisaxisticamente entorno a auga, natureza, etnografía e turismo omitolóxico. A Unión Europea aporta 450.000 euros para esta mellora.

 

Co obxecto de mellorar a xestión dos recursos hídricos do corredor do Támega e revalorizar o mesmo como fío de conexión do territorio, dentro do proxecto “Valtámega – Valorización do Corredor Ambiental do río Támega” levarase a cabo a rehabilitación do parque de Tamaguelos.

Esta actuación, destinada a por en valor o corredor do Támega, contempla o acondicionamento do espazo recreativo de Tamaguelos, instalación dun circuito biosaudable e adecuación deste espazo de lecer e recreo co fin de reorientalo paisaxisticamente entorno a auga, natureza, etnografía e turismo ornitolóxico.

A mesma está enmarcada dentro do proxecto «Valtámega», unha iniciativa de cooperación transfronteiriza aprobada no ámbito do Programa de Coooperación Transfronteriza España-Portugal, coa participación financeira da Unión Europea, polo que o municipio de Verín e o de Chaves foron beneficiados con 450.000 euros para sacar adiante o proxecto de valorización do corredor ambiental do río Támega.

Esta inxección económica permitirá levar a cabo diversas accións de xestión dos recursos hídricos do río Támega, rutas interpretativas e a implementación dun sistema xeral de espazos verdes e culturais ao longo do corredor de Támega. Este proxecto complétase coa creación do Centro de Monitorización e de Interpretación Ambiental do río Támega Transfronterizo, e outras accións de sensibilización e educación ambiental entre as que se encontran campañas de limpeza da canle e marxes do río.