“Certos asuntos non nos parecen prioritarios para os nosos veciños tendo en conta o momento de emerxencia social que vivimos”, explican nun comunicado.

 

Trala xuntanza mantida este venres 5 de xuño entre os diferentes representantes dos partidos políticos que formarán a vindeira corporación municipal no Concello de Ourense (PP, DO, PSOE e OueC) con representantes do Club Ourense Baloncesto, para valorar a posible axuda económica que a institución municipal lle poida aportar ao equipo para facer efectivo o seu ascenso a ACB, Ourense en Común deixou claro que a súa postura sería decidida mediante asamblea, como partido que aposta pola participación de todos os seus membros na toma de decisións.

Despois de facer esta consulta, o partido encabezado por Miguel Doval apelou ao seu Programa Participativo, no que “non se contemplan as subvencións a Sociedades Anónimas Deportivas como é o caso do COB”. Porén, non renuncian a dialogar con ninguén e “poderíamos estudar este asunto se a inversión tivese un retorno efectivo na promoción da actividade deportiva de base e como un proxecto global no que se involucrase toda a cidade”, explican.

Neste caso concreto, quixeron deixar claro “que certos asuntos non nos parecen prioritarios para os nosos veciños tendo en conta o momento de emerxencia social que vivimos”, aclararon. E aproveitaron a ocasión para convocar a axentes sociais, organizacións políticas, sindicais, patronais e movementos sociais “para acadar un pacto para erradicar a pobreza e as desigualdades que a xeran: un pacto polo emprego digno e a vivenda digna. Tal acordo é a verdadeira prioridade para a xente de Ourense en Común”, conlcúen.

As outras posicións
Dende Ourense en Común tamén fixeron un pequeno resumo do acontecido nesta reunión.

Jesús Vázquez, representante do Partido Popular, manifestou que “o seu grupo, polo ben da cidade, sería proclive a apoiar ao COB asumindo que só co apoio da Deputación e o Concello non sería abondo e que se precisaría un patrocinador ou varios que lle quiten carga a ambos”. Ao igual que Juana Ageitos en nome do PSOE, que sinalou “a disposición positiva do PSOE a axudar ao COB cunha partida do orzamento, pero mantendo unhas esixencias que fosen máis aló do plano profesional e se incidise en visitas a colexios, escolas deportivas, etc”.

Pola súa banda, Gonzalo Pérez Jácome, líder de Democracia Ourensana, manifestouse “en contra de tal investimento e xustifica a súa postura na idea que ten de non dar cartos do Concello á promoción dun espectáculo”.