Plantación de árbores pola Deputación

Manuel Baltar destaca a importancia “dun Ourense verde e sostible como valor singular da nosa provincia, onde natureza, termalismo e cultura están na raíz da nosa identidade”.

 

A Deputación de Ourense conmemorou o Día Mundial do Medio Ambiente cunha actividade de plantación de árbores a cargo de alumnos de primeiro curso de Primaria do CEIP “Ben Cho Shey”, de Pereiro de Aguiar, no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde de Pereiro de Aguiar, Eliseo Fernández, e representantes de AquaOurense, Viaqua e a Área de Medio Ambiente da Deputación. O acto tivo lugar na contorna do encoro de Cachamuíña, onde, trala plantación de árbores, os alumnos recibiron un diploma da efemérides, acreditando a plantación da súa respectiva árbore, así como diversos agasallos.

O presidente do goberno provincial destacou a importancia de seguir mantendo “un Ourense verde e sostible, como valor singular da nosa provincia, onde natureza, termalismo e cultura van da man e están na raíz da nosa identidade”. Manuel Baltar agradeceu aos nenos e nenas e profesores do CEIP “Ben Cho Shey” por teren participado no acto, “pois este sinxelo xesto leva consigo o compromiso, o respecto e a responsabilidade que todos temos que amosar diante do medio ambiente, algo que forma parte da nosa historia e do noso presente, e que todos temos a obriga de preservar para que o futuro tamén ofreza a fermosura desta Ourense 100% natural”.

A iniciativa, promovida pola Deputación, AquaOurense e Viaqua, enmárcase no ámbito das actuacións que realiza a institución provincial como “goberno verde” e nas campañas medioambientais que impulsa o goberno de Manuel Baltar.

Dentro das actividades conmemorativas, tamén tiveron lugar percorridos guiados pola estación depuradora do Barco de Valdeorras, para visitar as obras de mellora e ampliación, unha estación que está xestionada polo Consorcio de Augas de Valdeorras, iniciativa impulsada pola Deputación de Ourense.