Enterro Socorro Pérez

O corpo da veciña do Couto desaparecida hai un mes foi enterrado este domingo no cemiterio de San Francisco.

Medio cento de persoas, entre familiares e amigos, despediron este domingo as 18:30 horas a Socorro Pérez, que foi enterrada no panteón familiar no cemiterio de San Francisco.

O corpo de Socorro fora atopado o sábado á mañá nun monte na zona do Seminario, por tres veciños da familia que sairan buscala por un dos lugares nos que a muller acostumaba practicar deporte e que xa fora rastrexado anteriormente. Xunto ao cadáver, en avanzado estado de descomposición e semioculto pola maleza, atopáronse unhas mallas negras e un cortaventos rosa que coincidían cos que Socorro levaba posta a última vez que a viran.

A autopsia foi realizada na mañá do domingo, aínda que non trascenderon as causas da morte, pois está decretado secreto de sumario sobre a investigación. A familia cre que se tratou dunha morte violenta.

Funeral o martes
Socorro Pérez, de 43 anos, faltaba da súa casa do barrio do Couto desde o pasado 2 de maio, cando saira pasear soa como acostumaba tras comer na vivenda dos seus pais en Rabodegalo.

O funeral por Socorro Pérez terá lugar este martes ás 20 horas na igrexa de Fátima do Couto.