Tras coñecerse nas últimas horas o caso de dúas novas mulleres asesinadas, en Barcelona e na Pobra do Caramiñal, e atoparse en Ourense o corpo de Socorro Pérez.

A coordinadora ourensá da Marcha Mundial das Mulleres convoca este martes unha nova concentración contra a violencia de xénero. A cita será, como vén sendo habitual, xunto á estatua da “Castañeira”, ao carón da Subdelegación do Goberno, ás 20:30 horas.

A MMM realiza esta convocatoria tras coñecerse dous novos casos de violencia machista na Pobra do Caramiñal e en Barcelona, e logo de atoparse este sábado o corpo de Socorro Pérez, a ourensá desaparecida hai un mes cuxo cadáver foi atopado con signos de violencia e a autopsia confirma que tivo unha morte violencia. “Descoñecemos se o asasinato se produciu en relación a alguén do seu entorno ou non mas é outro cadáver de muller fronte a unha sociedade que non se mobiliza para pór remedio ao contínuo goteo de asasinatos que coñecemos, por desgracia, cada día das nosas vidas sumidas nunha raiba que non nos permite continúar coa nosa vida como se nada pasase tal e como semella facer o conxunto da sociedade”.

“Por Isabel, por Socorro, por todas”, a Marcha Mundial das Mulleres voltará saír ás rúas este martes a denunciar “a violencia machista que sufrimos cada día”.