O Comité de Empresa empraza á dirección da empresa téxtil a que asuma a proposta sindical unitaria e fai un chamamento ao persoal a que secunde o paro convocado para este martes.

 

Este martes, 9 de xuño, ás 11:00h., celebrarase unha nova xuntanza da comisión negociadora do ERE de Adolfo Domínguez no Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas.

A representación sindical espera que a representación empresarial se aveña a negociar desde as premisas unitarias formuladas pola parte social na anterior xuntanza «toda vez que contribúen aos obxectivos de viabilidade da téxtil ourensá a través de alternativas non traumáticas para as persoas da plantilla da empresa en Ourense».

Para as organización sindicais, «nunha provincia con un importante déficit estrutural na industria, en particular, e no resto da economía, en xeral, é prioritaria a defensa do emprego, e máis especialmente nunha empresa emblemática como é Adolfo Domínguez no ámbito téxtil global».

Por iso, de xeito unitario, manteñen un non rotundo ao ERE en Adolfo Domínguez e, como alternativa, propuxéronlle á empresa «unha batería de propostas ligadas a obxectivos de viabilidade da empresa e garantía de respecto dos dereitos e dignidade das persoas que a integran».

En consecuencia, os sindicatos convocaron un paro de 9:30 a 9:45h e concentracións diante das naves de Adolfo Domínguez nas rúas 3-4-8-9 do Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas.