Reunión do comité de incendios

A reunión da comisión provincial estivo presidida polo delegado territorial da Xunta na provincia, Rogelio Martínez, e polo subdelegado do Goberno, Roberto Castro.

O obxectivo desta xuntanza, que se celebra cada ano ao comezo da campaña de verán, é o deseño de actuacións conxuntas para previr os lumes e loitar contra a actividade delictiva incendiaria.

Na xuntanza tamén participaron membros da Xefatura Territorial de Medio Ambiente, representantes da Subdelegación do Goberno, Fiscalía do Medio Ambiente, e responsables da Policía Autonómica e Nacional e da Garda Civil.

No transcurso da reunión presentáronse os distintos medios cos que se contará para loitar contra o lume durante a presente campaña, que se prolongará ata o vindeiro 30 de setembro, e a competencia que terá cada un deles a través do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, Pladiga 2015. O delegado territorial fixo fincapé na importancia da coordinación nesta materia e subliñou que a Xefatura territorial da Consellería de Medio Rural celebra comités policiais cada tres semanas para o seguimento das accións conxuntas en materia de prevención e loita contra os lumes.

Pladiga 2015
Segundo Rogelio Martínez, a Consellería do Medio Rural e do Mar blinda nos aspectos esenciais o dispositivo de loita contra incendios. O Pladiga 2015 adáptase ao recentemente aprobado Plan Especial de Protección Civil ante emerxencias por incendios forestais na Comunidade Autónoma de Galicia (PEIFOGA). Con esta adaptación, redefínense as situacións operativas de emerxencia que deben de contemplar os plans e que substitúen aos niveis de gravidade.

O delegado territorial indicou que o dispositivo de loita contra incendios previsto este ano na provincia ourensá é similar, en liñas xerais, ao do pasado exercicio en canto a número de efectivos. Así, este dispositivo estará formado polas brigadas autonómicas e municipais, os parques de bombeiros, a Unidade Militar de Emerxencias (UME), os grupos de emerxencia supramunicipal (GES). A estes medios hai que engadir os membros da Garda Civil do Seprona, a Policía Autonómica e Nacional, e membros dos equipos de investigación.

A nivel Galicia, o dispositivo estará composto por 5.767 persoas do SPDCIF (Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais), reforzado por persoal do Ministerio, do Exército e dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado ata completar un operativo de máis de 7.000 efectivos.

No tocante aos medios materiais, contarase con 32 medios aéreos -entre os propios da Xunta e os que aporta o Estado- e 360 motobombas do SPDCIF da Xunta, dos concellos e dos parques de bombeiros, aos que se engaden cisternas, pas e outros vehículos.