Presentación actos 50 aniversario polígono San Cibrao

As autoridades descubriron unha placa conmemorativa do 50º aniversario, instalada no edificio da Asociación de Empresarios.

O polígono de San Cibrao das Viñas, un dos maiores de Galicia, presentou este martes os actos conmemorativos dos seus 50 anos de historia, coa presenza de numerosas autoridades, entre elas o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, e o alcalde de San Cibrao das Viñas, Manuel Pedro Fernández;

Na súa intervención neste acto de aniversario, Rogelio Martínez, subliñou o respaldo de distintos departamentos autonómicos á actividade industrial deste poligono. Nesta liña, lembrou que xa está en redacción o proxecto da conexión viaria do polígono de San Cibrao coa A-52. O Goberno galego realizará unha mobilización total de 19 millóns de euros para esta actuación. Ademais, referiuse a necesidade da posta en marcha do Transporte Metropolitano, que facilitaría a comunicación coa cidade dos traballadores deste polígono, e incidiu na necesidade de manter a colaboración entre empresarios deste recinto industrial e a Xunta para garantir outros, alomenos, 50 anos de progreso e innovación. 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou a “alianza estratéxica” existente entre a Deputación de Ourense e a Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao “por medio da cal a institución provincial colabora sufragando o Servizo de Emerxencias e Extinción de Incendios do Polígono; desenvolve proxectos no ámbito da internacionalización de empresas e no que atinxe ao desenvolvemento urbano sostible, co proxecto “Ourense Competitividade”.

No acto tamén interviron o alcalde de San Cibrao das Viñas, e o presidente da Asociación de Empresarios do Polígono, Elías Mera, quen fixo un repaso dos 50 anos deste parque empresarial e lembrou os actos conmemorativos que se desenvolverán a partir do mes de setembro, entre os que citou unha plantación de árbores, en lembranza dos cincuenta anos de existencia do polígono, e a colocación dun monolito cos nomes de todas as empresas, antigas e actuais, que se instalaron nesta contorna empresarial. Tamén avanzou que en novembro inaugurarase unha exposición denominada “O polígono nunca visto”, que amosará unha visión inédita da historia do parque empresarial.

[Fotografía Alberte Paz]