Estará ubicado na avenida de Celanova os días 12, 13 e 14 de xuño, ofrecendo unha gran variedade de produtos artesáns, así como gastronómicos.

A Concellería de Cultura de Barbadás organiza o seu terceiro mercado medieval os próximos 12, 13 e 14 de xuño, no que se prevé a participación de 40 artesáns, que ofrecerán unha gran variedade de produtos, como xoguetes de madeira, xabóns naturais, monicreques, prataría, ourivaría, minerais, complementos en coiro, bixutaría…

En canto a produtos de gastronomía, dende a organización limitouse a participación co fin de beneficiar aos locais comerciais da zona, aínda que, xa está asegurada a presenza de postos de venda de pizza, kebab, madalenas recheas, froita escarchada, filloas e unha churrería.

Este mercado estará ubicado na avenida de Celanova, aproximadamente á altura do número 56.

Programa
O mercado dará comezo o venres 12 de xuño ás 17 horas, con melodías de épocas pasadas para ambiertar a actividade. Ás 19 e 22 horas haberá pasarrúas; ás 20 horas, contacontos sobre a mitoloxía medieval; e ás 21 un espectáculo de combate.

O sábado 13, ademais de varios pasarrúas pola mañá e pola tarde, está previsto un taller de música para os máis pequenos ás 18 horas, contacontos interactivo ás 20 horas, e o espectáculo “Tendencias medievales” ás 21 horas (con música, humor, cultura e tradicións). A partir das 22 horas haberá música en vivo.

Xa o domingo, repetiranse os pasarrúas para amenizar a xornada. Ademais, ás 18 horas haberá un coloquio sobre segredos e curiosidades do arte da guerra no noso pasado común. E ás 20, melodías medievais despedirán o mercado ata a próxima edición.