Manuel Baltar e Jesús Vázquez

O  ente provincial volverá apoiar o Festival de Cine e ambas institucións compartirán unha axenda cultural única.

Deputación de Ourense e Concello de Ourense inauguraron este martes unha etapa de cooperación e colaboración institucional nunca antes vista entre ambas administracións.

O entendemento entre ambas administracións, neste momento gobernadas polo mesmo partido (o PP), é tal, que acordaron crear un comité permanente de cooperación. “Reunirase alomenos unha vez ao mes para facer seguimento das políticas que imos poñer en marcha de maneira conxunta”, explicou o presidente da Deputación en funcións, Manuel Baltar, tras recibir no seu despacho ao alcalde da capital, Jesús Vázquez.

Este comité permanente estará composto a por dous deputados provinciais, dous concelleiros do grupo de goberno e dous técnicos de cada unha das institucións, que valorarán políticas dos ámbitos sociais, de infraestruturas, culturais, medioambiental ou deportivas.

A Deputación tamén se comprometeu neste encontro a volver apoiar o Festival de Cine (saíra do consorcio na etapa da nacionalista Isabel Pérez como concelleira de Cultura), en condicións de igualdade. Ambas administracións acordaron buscar a implicación da Xunta “como terceiro elemento para ter ese Festival de Cine que Ourense se merece”, explicaba Jesús Vázquez. Asemade, crearán unha axenda única cultural, “que era outro dos nosos compromisos e das demandas que se viñan dando”.

Vázquez tamén apuntou a outros ámbitos nos que se establecerá cooperación entre administración local e provincial. Así, o Goberno municipal pediu o apoio da Deputación para mellorar os accesos ás zonas termais e os aparcamentos destas, “para que os ourensáns e os turistas poidan acceder ás zonas termais nunhas condicións e que poidamos estar orgullosos das nosas beiras do río”, precisou Vázquez. O Concello tamén solicitou á Deputación unha brigada medioambiental para as zonas rurais do municipio. O alcalde anunciou que presentará unha relación de actuacións prioritarias para actuar de xeito inmediato nelas “para que este verán Ourense poida lucir con outra cor”.

Baltar comprometeuse en devolverlle a Jesús Vázquez a visita institucional ao Concello de Ourense unha vez quede constituído a nova corporación provincial.