Nos encontros abordouse a organización dos diferentes órganos municipais, de cara ao pleno de constitución, que será a vindeira semana.

Jesús Vázquez arrincou este martes unha rolda de encontros cos partidos da oposición que agarda sexan o “día a día” da nova maneira de facer política que quere introducir no consistorio ourensán. Neste caso, a xuntanza era obrigada para acordar cuestións relacionadas co funcionamento interno dos diferentes órganos municipios, como xuntas de área ou reparto de dependencias municipais, previo ao pleno de constitución da corporación que o rexedor ourensán quere convocar a semana próxima. Tamén os partidos teñen que completar trámites durante esta semana co obxecto de constituirse en grupos políticos.

{gallery}stories/novas/20150616_reunionsalcalde{/gallery}

O alcalde de Ourense explicou que quere manter “unha man tendida” á oposición neste mandato e “cada x semanas ir tratando os temas de cidade en tempo e forma” nas correspondentes xuntas de voceiros; “é o resultado final do que o día 24 decidiu a cidadanía”, insistiu.

Reunión con Jácome
A primeira reunión da mañá foi co partido máis votado da oposición, Democracia Ourensana. O seu líder, Gonzalo Pérez Jácome, aludiu a este encontro como “unha primeira toma de contacto na que estamos intercambiando información”, e puxo sobre a mesa o tema das asignacións económicas. “Nós entendemos que no Parlamento de Santiago toda a xente que está na oposición cobra excesivamente e nos concellos é ao revés, está a xente na oposición case sen cobrar nada”, explicou para indicar que “a xente que traballa e dedica horas ten que cobrar”. No caso da súa formación, xa anunciou que non sería el quen tivese a dedidación exclusiva.

Encontro con Barquero
A segunda xuntanza mantívoa con José Ángel Vázquez Barquero, o que será o voceiro do Partido Socialista. Este destacaba ao remate que foi unha reunión” nun ton cordial, non ten nada que ver co do voceiro do PP nos últimos catro anos”,o que considera un cambio “importante que é de agradecer, porque a sensación que teño é que xente como Rosendo (Fernández) aporta bastante pouco a política”.

Barquero limitouse a escoitar as propostas de alcaldía sobre a organización de xuntas de áreas e a representatividade dos diferentes grupos políticos nos entes da organización política municipal, “no seu momento xa diremos o que imos facer”. O político socialista si se interesou sobre o espazo na casa consistorial no que se ubicará o seu grupo nesta lexislatura e amosouse aberto a dialogar co grupo de goberno. “Non imos utilizar o tono nin a linguaxe nin o discurso de Rosendo durante catro anos, a política non é confrontación”, insistiu.

Xuntanza con Ourense en Común
Vázquez rematou a rolda de reunións cos representantes de Ourense en Común, Miguel Doval, Ledicia Piñeiro e Martiño Vázquez. Con esta formación tratou a asignación económica aos concelleiros e grupos, que, grazas á que os membros de OUeC levanta acta pública da xuntanza, coñecemos con máis detalle.

Así, Ourense en Común aposta polas dedicacións parciais moderadas no gasto e que permitan o desenvolvemento paralelo dunha actividade profesional. Nese sentido, Doval puntualizou que “non se pretende xerar novos gastos” e que aceptarán calquera dependencia municipal para traballar “sexa do tamaño que sexa”.

O rexedor popular explicou que o reparto de oficinas se realizará atendendo á representatividade acadada por cada grupo político. En canto ás asignacións económicas pretende manter a situación actual doutros grupos coa mesma representación (unha persoa con dedicación exclusiva e outra de libre designación para labores de administración ou puramente técnicos). Jesús Vázquez informou tamén da súa proposta de reducir a asignación por grupo non tendo unha cantidade fixada pero si por baixo dos 450 euros por grupo e concelleira asignado na actualidade.

No que respecta á composición de órganos e xuntas de área, a pretensión do novo rexedor é que as xuntas de áreas pasen a ter sete membros (ata o de agora eran seis) e se celebren semanalmente e a comisión de pleno se reduza de nove a sete membros.