A oferta de primeiro curso en centros públicos da provincia de Ourense é de 3.058 prazas.

 

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria oferta para o curso 2015/2016 un total de 3.058 prazas en primeiro curso en ciclos de Formación Profesional en centros públicos da provincia de Ourense, segundo recolle o Diario Oficial de Galicia. Delas, 1.924 forman parte do réxime ordinario – 898 en grao medio e 1.026 en grao superior-, mentres que outras 379 son do réxime modular para persoas adultas – 259 en grao medio e 120 en grao superior-, 300 do réxime modular a distancia – 100 en grao medio e 200 en grao superior-,440 en FP Básica, e outras 15 en FP Dual – todas elas en grao medio -.

A oferta, moi similar en termos e cifras xerais á do curso 2014/2015, modifícase cada ano para adaptarse á demanda e ás necesidades expresadas polos centros educativos.

O prazo de preinscrición nos ciclos comeza o día 17. Os diferentes prazos de matrícula poden consultarse no enlace web http://www.edu.xunta.es/fp/informacion-xeral-admision , dentro do portal educativo.

Novidades na provincia
No referido ás novidades para completar ou diversificar a oferta da provincia, no réxime ordinario – implantaranse o novo ciclo medio de Obras de interior, decoración e rehabilitación (no CIFP A Farixa, na cidade das Burgas), e o novo ciclo superior de Animación sociocultural e turística (no CIFP Portovello, en Ourense). Tamén, dentro do réxime das persoas adultas na modalidade presencial, implántase o ciclo superior de Comercio internacional no CIFP Portovello, en Ourense.

Así mesmo, a FP a distancia incorpora na provincia o ciclo medio de Atención a persoas en situación de dependencia (no CIFP Portovello, Ourense), que pasa da oferta presencial a esta modalidade.

Por outra banda, continuará a implantación da FP Dual na provincia cunha nova edición do ciclo medio de Carrozaría no IES Universidade Laboral de Ourense, en colaboración con UNVI.