Piscinas de Verín

As de Xinzo abriron o pasado luns, a de Rairiz farano este xoves e as de Verín o venres 19.

Un verán máis por estas datas comezan a funcionar as piscinas descubertas dos distintos concellos. Das máis madrugadoras foron as instalacións de Xinzo, que comezaron o pasado luns, só en horario de tarde, a tempada de verán. Desde o próximo sábado 20 permanecerán abertas de 12 a 21 horas ata o final da época estival. Os prezos para acceder ás instalacións serán os mesmos que os do ano pasado, ao igual que a xestión das mesmas, a cargo da empresa Saudeter. No Concello de Xinzo expediranse os carnés para poder acceder durante toda a tempada estival.

No caso da piscina do Concello de Rairiz de Veiga, a data para a súa apertura é o xoves 18 de xuño. O seu horario será de 12:30 a 21:30 horas e o acceso será gratuíto para as persoas empadroadas no municipio. O resto, agás menores de 10 anos que entrarán de balde, terá que pagar 1,20 euros polo uso da instalación. Ademais da piscina en si, a oferta desta infraestrutura municipal complétase con actividades en horario de mañá como ludoteca, bibliopiscina, reforzo educativo e xogos, así como wifi, pista de volei praia, cafetería, área recreativa, parque infantil e hamacas.

Por último, en Verín será este venres 18 cando abran as piscinas descubertas do complexo deportivo da Granxa. O custo do acceso varía en función da idade dos usuarios, habendo descontos para os posuidores da tarxeta de Eurocidadán e aos censados no municpiio. As instalacións estarán abertas ata o 15 de setembro, cos horarios habituais de 12 a 21 horas de luns a sábado e de 11 a 21 horas os domingos.