Plataforma Casa da Xuventude

A Plataforma en defensa da Casa da Xuventude de Ourense quere recuperar o modelo de autoorganización da mocidade que impulsara o falecido director deste espazo.

 

A Plataforma en defensa da Casa da Xuventude organiza este xoves a obra de teatro “Variacións dun soño sen título” e o venres o coloquio “Rememorando a Casa”. Dúas propostas que queren ser o incio das actividades da Plataforma no agora denominado Espazo Xove “para poñer en valor o modelo social, o modelo de Benito (Losada) de coxestión e autoorganización da mocidade”, explica un dos seus integrantes, Gabriel Gavela.

Pero non o teñen fácil. “Sempre pedimos as solicitudes en tempo e forma”, continuaba este mozo, “pero nunca nos responden ás solicitudes”. De feito, para organizar o coloquio no que se rememorará a etapa da Casa da Xuventude cando estaba dirixida por Benito Losada tiveron que solicitar permiso incluso ao xefe territorial de Traballo e Benestar, malia ter solicitado o espazo con 15 días de antelación. “A coordinadora de actividades díxonos que non podía ser, as excusas fómollas desactivando e agora resulta que é cousa do xefe territorial darnos unha aula; por sorte metímolo por Rexistro e el dixo que tiñamos todo o dereito do mundo, empezou a disculparse, que fora unha confusión”, relata Gabriel.

“Entedemos que como imos recordar toda a época histórica de Benito, paradigmática, quizais non queren que o fagamos”, sospeita Gabriel, que apunta á coordinadora de actividades como a causante de que hoxe a casa estea máis baleira que nunca; “a maioría dos colectivos marcharon, hai vetos e non só a nós”, afirma. No seu caso foi a negativa a autorizar a celebración das 24 horas teatrais, “que era unha actividade moi exitosa que levaba 10 anos” o que fixo que reactivaran o traballo da Plataforma, formada hai ano e medio.

A charla “Rememorando a Casa” terá lugar este venres 19 ás 20 horas, na aula audiovisual. Previamente, o xoves, ás 20:30 horas, haberá unha representación teatral, “Variacións dun soño sen título”, unha dramaturxia de Mónica Sueiro a partir de “Soño dunha noite de verán” de Shakespeare e de “Comedia sen título” de Lorca. Sueiro é unha actriz e directora moi vinculada a esta instalación, “colaborou formando numerosos grupos teatrais dentro da Casa de Xuventude dos que sairían numerosos artistas, actrices e actores profesionais”, recorda Iris Blanco, outras das integrantes da Plataforma. A representación terá lugar o xoves 18 ás 20:30 horas no salón de actos.

Os representantes da Plataforma improvisaron a rolda de prensa de presentación destas actividades no exterior do Espazo Xove, ao non terlle sido autorizada a utilización da sala de video solicitada.

Reunión cos grupos políticos

Previamente, representantes da Plataforma en Defensa da Casa da Xuventude de Ourense reuníranse con deputadas de todos os grupos políticos do Parlamento de Galicia, para buscar unha solución á problemática da Casa.

Segundo informou a propia Plataforma, a totalidade da oposición (AGE, BNG, Mixto e PSdeG) apoia as súas reivindicacións; en especial, a recuperación do modelo de xestión da Casa e a relocalización do Punto de Encontro Familiar nun emprazamento idóneo. Os políticos comprometéronse a «redactar as preguntas necesarias” para tratar o tema nas correspondentes Comisións e no Pleno.

Por outra banda, o representante do grupo popular dicía “non ter coñecemento do asunto”, mais entende o conflito existente e afirma que “tratará de informarse desde todos os puntos de vista”. De atopar que a Plataforma está no certo, “farán o posible por solventar o problema”.