Os días 23 e 24 de xuño decidirase quen é o mellor equipo de fútbol sala da tempada.

Un ano máis regresa o Trofeo Barrios Deportivo de fútbol sala, que este ano chega a súa sexta edición. Os días 23 e 24 de xuño decidirase quen é o mellor equipo da tempada, o campión de campións. Hermano Carral, Eurosport/Karlaska, Dacón e Escornaboys son os equipos participantes.

Horarios
A sede de todos os partidos será a cancha central dos Remedios. O martes 23 disputaranse as semifinais, que enfrontarán a Eurosport e Hermanos Carral, ás 20.15 horas, e aos Escornaboys contra o Dacón, ás 21.15 horas.
A final celebrarase o mércores 24 na central dos Remedios a partir das 21.15 horas.
Antes da final masculina terá lugar (ás 20.15 horas) unha final feminina entre Cidade de Ourense e o Xinzo de Limia.

Hermanos Carral
O Hermanos Carral defende o título acadado o ano pasado neste torneo. Na Liga Provincial rematou cuarto e está entre os catro mellores equipos da Copa Deputación (esta fin de semana celébrase a fase final).

Eurosport
O Eurosport / Karlaska é un clásico do Barrios Deportivo.
Este ano o equipo proclamouse campión de Primeira Local, a pesar das baixas de xogadores tan importantes como Tizón, Peque, Tractor, Santi, Diego, Iago ou Luis Ángel.
Nesta edición tentarán volver a alzarse co título de campión de campións no Trofeo BD, que xa logrou en tres das cinco anteriores.

Dacón
O campión da Liga de Carballiño chega a este torneo para quitarse a espiña do mal final de tempada que viviu, xa que non puido facer un bo papel na Copa Deputación ou na de Carballiño. En Liga foi imparable e aventaxou en 11 puntos ao segundo clasificado.
Os do Carballiño o próximo ano serán equipo de Provincial, categoría na que contan que as cousas saian mellor que fai cinco anos, cando a inexperiencia fixo que baixaran de categoría.
Chegan a este torneo con gañas de facer un bo papel, e, aínda que non son favoritos, tentarán dar a sorpresa.

Os Escornaboys
Os Escornaboys é un equipo que cada ano ocupa as primeiras prazas da Liga na que participa.
Esta tempada rematou segundo na Primeira División. Na última xornada de Liga, cando ía líder, empatou, o que (sumado á vitoria do Eurosport) fixo que se lle escapara o campionato. O conxunto ourensán, despois de lograr no seu palmarés Liga e Copa, busca a súa primeira coroa neste torneo.

Final feminina
A torneo feminino xogarase a un só partido entre o Cidade de Ourense e o Xinzo de Limia. O Cidade quedou de quinto na Liga Provincial, mentres que o Xinzo foi sexto.