Dende o SERGAS aseguran que “as contratacións temporais garanten a calidade e continuidade asistencial”.

 

O Sindicato de Enfermaría de Ourense, SATSE, mostra a súa total desconformidade coas medidas tomadas para cubrir as ausencias do verán nos centros de saúde dos concellos da provincia de Ourense, nos que na súa maioría quedará cuberta a atención sanitaria soamente durante unhas horas na mañá.

“Os doentes veranse forzados a ter que acudir ás cabeceiras de comarca para recibir a súa lexítima atención”, di o delegado da sección sindical do SATSE, Manuel Fariñas, “provocando esto graves trastornos, xa que a elevada media de idade da poboación asociada a ausencia de transporte, dificulta ou imposibilita que os doentes poidan exercer o seu dereito a seren atendidos en igualdade de condicións”, reclama.

Ademais, SATSE quere lembrarlle á Xerencia que tódolos núcleos rurais ven incrementada a súa poboación no verán, e, como ven sendo habitual, aumentan as visitas médicas e de enfermería.

“A esto temos que sumar a degradación a que someten aos profesionais de enfermería que cubrirán esas vacacións, cuns contratos penosos e de vergoña, nos que ademáis asumirán a atención dos doentes nos domicilios co seu propio coche, e recibindo tan só a metade do soldo”, aseguran dende SATSE.

Como consecuencia, dente este sindicato anuncian medidas leais e mobilizacións para denunciar esta situación, así como lle piden aos profesionais que non utilicen o seu vehcículo na atención domiciliaria.

 

Resposta da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense
Seguendo a liña de compromiso de priorizar a contratación de profesionais en paro, a Xerencia de Xestión Integrada de Ourense fichará este verán en 300 profesionais para o mantemento da actividade e servizos dos centros de saúde e Puntos de Atención Continuada.

Co obxectivo de “manter o 100% dos centros (de saúde e PACs da provincia de Ourense) abertos, mantendo tanto os horarios como a carteira de servizos”, explicaron.

Así mesmo, dende a Xerencia aclaran que “pese a que a poboación, nun reducido número de concellos, pode aumentar durante o período estival, as atencións sanitarias, tanto de facultativos como de enfermería, diminúen de xeito moi pronunciado, especialmente en agosto, onde esta redución poden chegar nalgúns casos ata o 44% con respecto ao resto do ano”.

Non obstante, todos os centros de saúde da provincia manterán o seu horario de atención habitual, con asistencia sanitaria continuada de 8 a 15 horas, en horario de ordinario de mañá, e de 15.00 a 22.00 horas nos que contan con tramo de tarde, ou ben nos Puntos de Atención Continuada das cabeceiras de comarca.