Presentación do Observatorio Económico

A Deputación de Ourense aprobará un plan de emprego e un plan provincial de apoio á natalidade.

 

A situación demográfica da provincia e a evolución do paro xuvenil son os dous eixos nos que profundiza o último informe do Observatorio Económico Ourensán, que foi presentado este xoves polo presidente da Deputación e do Inorde, Manuel Baltar, o xerente do Inorde, José Manuel Rodríguez, e o profesor da Universidade de Vigo e coordinador do estudo, Andrés Mazaira.

Problema demográfico

No que respecta á demografía, Ourense non sae moi ben parada. O peso relativo da provincia sobre a poboación total de Galicia e de España non deixou de parar desde hai trinta anos pero ademais no último quinquenio intesificouse o ritmo de descenso. “Hai un envellecemento da poboación e un saldo vexetativo negativo”, apuntaba o profesor Andrés Mazaira, que cualificaba como “o gran reto que ten esta provincia e este país” dar resposta a este problema demográfico real. Neste sentido, Manuel Baltar compartía esta preocupación pola demografía e anunciou medidas específicas nos vindeiros orzamentos provinciais, como un plan de emprego e o primeiro plan provincial de apoio á natalidade.

Paro xuvenil
Canto á evolución do paro nos menores de 25 anos, os resultados son algo máis optimistas. Nos últimos 12 meses reduciuse un 10% o número de mozos que están rexistrados no INEM, pero os motivos non se poden limitar a que atoparan traballo. “Unha parte porque xa teñen traballo pero tamén outra parte porque xa non se apuntan porque non están xa neste país ou ben porque teñen desistido”, aclaraba o autor do estudo.

Datos globais
No que se refire á evolución económica da provincia, destaca o incremento das afiliacións á Seguridade Social, con creación de emprego neto no último ano en 57 dos 92 concellos da provincia. “Volvemos ao número de afiliacións que había en maio de 2013, 96.500, e hai nove comarcas da provincia das 12 que están a xerar emprego en porcentaxes superiores ao 1,5%”, destaca o presidente da Deputación.

Mazaira puntualizaba que o ritmo de novas afiliacións é “lento” e “máis baixo” do que está crecendo en Galicia e en España; de feito, “faltarían case dez anos para recuperar o que tiñamos antes da crise”.

O profesor universitario tamén salientaba que “a recuperación é máis lenta e o fenómeno demográfico é máis problemático” nas comarcas do oriente ourensán. Pola contra, “concellos como Allariz ou San Cibrao ou Barbadás reflexan un pulo nas afiliacións e son capaces de atraer poboación”.

Este é o sexto informe que dá a coñecer o Observatorio Económico Ourensán, unha ferramenta de traballo creada na Deputación ao abeiro do Plan Ourense 92, co obxecto de diagnosticar a situación económica da provincia como base sobre a cal implementar políticas públicas. O estudo foi presentado no Centro Cultural Marcos Valcárcel ante alcaldes e representantes de colectivos empresariais da provincia.