Manifestación do CIFP Portovello

A Consellería de Educación pretende eliminar no vindeiro curso a oferta do réxime de modular de adultos na familia profesional de Servizos socioculturais e á comunidade.

 

Ao redor dun cento de persoas manifestáronse na tarde deste xoves en defensa do mantemento de todos os estudos no CIFP Portovello. “Polo ensino público Salvemos Modular” era o lema da pancarta que encabeza a marcha, que partiu da Subdelegación do Goberno para dirixirse á praza Maior e regresar ao punto de partida. O lema facía referenza á decisión da Consellería de Educación de eliminar no próximo curso a oferta do réxime de modular de adultos na familia profesional de Servizos socioculturais e á comunidade do instituto ourensán.

Unha decisión que afecta a unhas 65 persoas que cursan o Ciclo medio de Atención a persoas en situación de dependencia e o Ciclo superior de Educación infantil e que non poderían continuar cos seus estudos no réxime modular de adultos, un réxime presencial en horario de tarde, senón que deberán matricularse ben no réxime ordinario ben na modalidade de formación a distancia.

O sindicato STEG denuncia este recorte formativo pois “varios deses ciclos formativos teñen unha demanda de alumnado elevada que non xustifica a súa eliminación, salvo por aplicación de criterios estritamente economicistas que non son de recibo”. Por iso pregúntase “se esta oferta que se elimina no CIFP Portovello non acabará sendo concedida a algún outro centro privado/concertado da cidade”.

Tamén desde partidos como Anova apoiaron esta manifestación. A través do seu grupo no Parlamento galego, AGE, presentarán nos vindeiros días iniciativas para intentar paralizar este recurte formativo. Ademais, pídenlle ao ex conselleiro de Educación e actual alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, que “realice os trámites precisos como representante da cidadanía de Ourense para evitar esta vaga privatizadora e limitando os dereitos da veciñanza da nosa cidade”.

Novos Ciclos de FP no CIFP Portovello
No referido ás novidades para completar ou diversificar a oferta de Formación Profesional na provincia, a Consellería anunciou a implantación no CIFP Portovello dos seguintes ciclos: no réxime ordinario, do Ciclo superior de Animación sociocultural e turística; no réxime das persoas adultas na modalidade presencial, do Ciclo superior de Comercio internacional; e na FP a distancia o Ciclo medio de Atención a persoas en situación de dependencia, que pasa da oferta presencial a esta modalidade.