Xosé Xaquín Rodríguez Ambrosio foi condenado a oito anos de inhabilitación por un delito de prevaricación.

O Xulgado do Penal nº2 de Ourense vén de condenar ao alcalde de Rairiz de Veiga a oito anos de inhabilitación por un delito de prevaricación administrativa, polas súas decisións en materia de contratos de obras e servizos e pago de facturas, malia os reparos e advertencias de ilegalidade por parte da secretaria-interventora do Concello. O rexedor pode aínda recorrer esta sentenza, que non é firme.

Coñecido este fallo xudicial, o Partido Popular quere transmitir «o seu máximo respecto aos procesos e decisións xudiciais e amosa o seu firme apoio cara a presunción de inocencia de Xosé Xaquín Rodríguez Ambrosio».

O PPOU está analizando e examinando o contido da resolución xudicial notificada na mañá deste luns ao alcalde Rairiz de Veiga «por uns feitos que teñen a súa orixe nunha época na militancia política de Rodríguez Ambrosio era outra diferente á actual», indican os populares no seu comunicado.

De feito, nada máis ter coñecemento do fallo xudicial, Xosé Xaquín Rodríguez Ambrosio solicitou a baixa temporal das filas do Partido Popular de Ourense, namentres non se resolven os recursos que plantexará á decisión xudicial e a sentenza sexa firme.

O Partido Popular de Ourense agradece o xesto do alcalde de Rairiz de Veiga de afastarse temporalmente das siglas do PPOU para así poder centrarse na defensa decidida da súa presunción de inocencia, para a que o PP de Ourense lle reitera o seu apoio e desexo dunha pronta resolución firme.