Regadíos na Limia

O PSdeG-PSOE de Xinzo reclámalle a Antonio Pérez que se reúna co presidente CHMS e co subdelegado do Goberno para evitar posibles sancións e expedientes coercitivos aos agricultores.

A voceira socialista en Xinzo, Elvira Lama, informa de que se esta a crear certa alarma entre os agricultores da comunidade de regantes de Lamas Ganade, ante as inspeccións dos axentes da autoridade por regar do río Limia, «unha practica que lles permite ‘regar en precario’ con moito traballo e con moito esforzo, mentres non se acometan as modernizacións pendentes, que foron atendidas e dotadas de cartos nos orzamentos do Estado para o 2009, coa intención de que se farían en 4 anos e por importe de 27 millóns de euros», subliña a socialista.

Mentres esta modernización non se facía efectiva, e para non ser sancionados polas autoridades, unha intervención dos socialistas permitiu no seu día que a CHMS facilitara un “permiso que lles permitía regar do rio Limia entre o 15 de xuño e o 15 de agosto, uns 30 días, a escoller entre esas datas”.

Investimento en regadíos pendente

Recorda Lama que mediante un convenio entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Agricultura asinado en xaneiro de 2011 acordaba «unha inversión importantísima para as catro comunidades Lamas-Ganade, Alta Limia, Corno do Monte e San Salvador de Sabucedo» pero que «o Goberno do PP de Feijoo e de Rajoy, foron retirando ata deixar sen partida a mencionada modernización, deixando esquecidos os agricultores da Limia, o seu sustento e a da súas familias, e que pasados 7 anos seguen nas mesmas condicións, tendo que optar por regar en precario do río ou abandonar as produción de pataca».

Os socialistas veñen de rexistrar un escrito solicitándolle ao alcalde Antonio Perez que se reúna co presidente da CHMS, para expoñer o problema e as particularidades destas comunidades de regantes. Asemade, pídenlle que se reúna co subdelegado do Goberno en Ourense, de quen dependen as forzas e corpos de seguridade do Estado, e tamén cos mandos da Garda Civil, de quen depende o Seprona, para expoñerlle a mesma problemática, coa intención de evitar posibles multas e expedientes de sancións.