Na primeira intervención no incendio de Boborás, no que arderon 180 hectáreas, apenas actuaron catro brigadistas.

 

A CIG denuncia a precariedade do servizo de defensa contra incendios forestais, “o que está a poñer en perigo tanto a seguridade dos seus traballadores/as e, incluso das propiedades particulares que poden chegar a verse afectadas”. En particular, o sindicato refírese ao lume que queimou 180 hectáreas na parroquia de Xurenzás, no concello de Boborás.

Nas primeiras horas do incendio, afirman, actuou unha brigada cunha soa persoa e outra con tres persoas, lonxe dos sete membros que compoñen cada brigada. “Nun primeiro momento actuaron 4 persoas en dúas brigadas en lugar de 14, a dotación normal”, denuncian.

A CIG tamén salienta que nin os buldózer nin as palas estaban aínda contratadas na data do lume de Boborás.

Mala conservación das infraestruturas
As críticas esténdense tamén “á mala conservación por parte de ADIF e da Deputación das infraestruturas que dependen destas administracións” pois a CIG considera que a propagación do incendio, con ata nove focos próximos á vía do tren nunha distancia de entre 200 e 300 metros “veuse axudada debido a utilización de GLIFOSATO que se fai por parte de ADIF para a limpeza das marxes da vía, chegando a ter un fronte de 4 km no seu inicio”.

A maiores, “a mala conservación das estradas cuxo titular é a Deputación contribuíu a súa propagación incontrolada durante dous días, xa que a utilización de GLIFOSATO de novo para a limpeza das cunetas na vez de facer de cortalumes a propia estrada o que propiciou foi que o lume pasara as pistas e saltara as estradas”, analiza o sindicato.