A Consellería de Medio Rural respostou, a preguntas deste medio, ás criticas feitas polo Comité de Empresa de Medio Rural en Ourense este martes.

 

Así, desde Medio Rural desmenten que os brigadistas carezan de EPIs de extinción necesarios (os equipos de protección individual) e sinalan que se estes traxes sofren algún deterioro substítúense previa comunicación. “O ano pasado repuxéronse os solicitados”, indicaron.

No que respecta ao “lamentable” estado dos equipos motobomba que denunciaba o Comité de Empresa, a Consellería indicou que nestes últimos dous anos renováronse 28 motobombas de concellos e que este ano está prevista a renovación doutras 14 para concellos e de 29 do SPDCIF. Desde Medio Rural apuntan a que en vindeiros anos está previsto continuar coa renovación do parque de motobombas propio (un total de 41).

Outra das principais queixas dos traballadores do Servizo público de defensa contra Incendios forestais referíase á falta de cobertura das prazas baleiras na plantilla, a pesar de que a lei permite unha taxa de reposición do 50%. Segundo precisou Medio Rural, facilitando datos do conxunto da comunidade galega (non particulares de Ourense), “as prazas vacantes dos postos de RPT do dispositivo de brigadas representan o 3,7%. No tocante ás vacantes actuais de axentes están sen cubrir un 1,9%”.

Apenas o 33% de todos os medios humanos

Os medios humanos de que dispón o SPDCIF veñen recollidos no Pladiga 2015, que destina a prevención e extinción de incendios en época de risco alto (agora no verán) na provincia de Ourense a un total de 1.670 persoas, a cifra máis alta das catro provincias galegas. Deste número, só un 33% (684 traballadores) é persoal laboral da Xunta, entre fixos (277) fixos discontinuos (180 persoas, con contratos de nove meses) e reforzo de verán (96 persoas con contratos de tres meses). O resto compóñeno persoal da empresa pública SEAGA, persoal dos medios aéreos, persoal do Estado, e persoal de concellos, GES e parques comarcais e municipais.

Canto ás críticas polos efectivos que compoñen cada brigada, a Xunta nega a información facilitada polo presidente do Comité de Empresa, Óscar Rodríguez, que afirmaba este martes “que agora mesmo non atopamos ningunha brigada que vaia ao lume que teña 5 compoñentes, polo normal teñen dous ou tres”. Segundo datos de Medio Rural, cada brigada está composta “por entre 7 e 5 efectivos, en función das libranzas”.

A administración autonómica tamén desminte que estea a aumentar a superficie queimada en cada lume polo incremento dos tempos de reacción pola diminución de torretas de vixilancia nos montes. “A vixilancia segue a ser a mesma, pero faise de xeito móbil. Non é certo que aumente a superficie afectada, de feito, o ano pasado a superficie media por lume foi de menos de 1 ha. Insistimos en que Galicia ten o dispositivo máis potente e importante de toda España”, conclúen desde Medio Rural.