Serafín Núñez e Xosé Manoel Fírvida

O novo Goberno municipal reclamou á Xunta comunicación por escrito da licitación e adxudicación do centro de saúde da Valenzá.

 

O Concello de Barbadás solicítalle ao Sergas un prazo de “cinco ou seis meses” para buscar un sitio mellor onde ubicar o novo centro de saúde da Valenzá.

O tenente de alcalde, Xosé Manoel Fírvida, compareceu este mércores diante do actual ambulatorio da localidade para explicar que ten solicitado por escrito, tanto á conselleira de Sanidade, como ao director xeral do Sergas e á xerente do CHUO, “que nos desen a oportunidade de agardar cinco ou seis meses para ver se o novo Goberno municipal somos quen de buscar un novo terreo onde poder construír o centro de saúde, un lugar máis acaído, con maior accesibilidade e onde os veciños se sintan máis satisfeitos, sempre e cando o Sergas manteña o seu compromiso de manter a licitación actual, e non perder ese investimento”.

O bipartito entre socialistas e nacionalistas fai esa proposta coñecendo que “é vox populi en Barbadás que o lugar onde se vai construír (na rúa do Outeiro, na parte alta da Valenzá) é un lugar de difícil accesibilidade, que non satisfai todas as expectativas que tiña creadas a cidadanía”, explicaba Fírvida.

“Se se comprometen a manter o investimento nós estaríamos dispostos a facer calquera tramitación urbanística, cambio no planeamento, permutas, cesións urbanísticas de posibles construtores… o que fixera falta para buscar un sitio mellor”, recalcaba o tenente de alcalde.

O bipartito de Barbadás ofrece esta alternativa pois polo momento as únicas informacións recibidas do Sergas sobre a licitación e a adxudicación do centro de saúde foron vía telefónica, malia que xa lles requeriron en varias ocasións a documentación por escrito. “A resposta que nos dixeron é que de momento que esperásemos, que nolo ían notificar por escrito”, apuntaba Fírvida.

O político nacionalista quixo recalcar “que o soar actualmente pertence ao Sergas, porque foi unha cesión que lle fixo o Concello de Barbadás (en 2002); que os servizos sanitarios son servizos que vai prestar o Sergas, que a decisión de licitar e de adxudicar este proxecto foi unha decisión do Sergas, e que o investimento que se vai realizar é un orzamento que pertence ao Sergas “ e, polo tanto, a decisión sobre esta infraestrutura non compete ao Concello de Barbadás, senón á Administración autonómica. “O Sergas é quen decide”, puntualizou.