Laura Seara e Josefa Sobrino

Os socialistas interesaranse no Congreso pola situación dos brigadistas, que ameazan con folga senón melloran as súas condicións laborais.

 

A deputada socialista, Laura Seara, e a voceira do PSdeG en Laza, Josefa Sobrino, compareceron este mércores para informar das medidas parlamentarias que vai desenvolver o PSOE con respecto á situación da BRIF (Brigada de Reforzo de Incendios Forestais) de Laza.

Dunha banda, as socialistas denuncian que as BRIF (10 no conxunto do Estado español) comezaron a campaña de incendios sen helicópteros. “É curioso que sendo unidades helitransportadas, que deben actuar ademais en calquera punto do territorio, estean sen o principal medio de transporte para chegar a tempo”, apuntaba Seara. Uns helicópteros que non chegarán ata “hoxe ou mañá” cando “deberían estar desde fai tempo, sabendo que segundo as previsións meteorolóxicas o verán se ía adiantar e que os incendios empezan normalmente antes da chegada do verán”, valoraba a parlamentaria.

Doutra, critican a precariedade laboral dos traballadores da BRIF de Laza, 57 persoas que cobran “1.006, 25 de salario base e 881,52 de salario neto, dentro deste salario vai incluido o plus de perigosidade, tres euros ao día; persoas que se xogan a vida e que teñen que facer números para chegar a fin de mes”, indicaba a deputada. Seara indica que os brigadistas teñen anunciada unha folga indefinida a partir do día 15 se non melloran as súas condicións. As BRIF, recordan as socialistas, están adscritas á empresa pública TRAGSA, que percibe 25 millóns de euros anuais do Estado para xestionar estas brigdas.

O PSOE presentará sobre este asunto unha batería de preguntas así como unha Proposición non de lei no Congreso dos Deputados.