Comité de SEAGA

O Comité de Empresa sinala que só están traballando tres capataces e algún técnico, comezada xa a tempada de alto risco de incendios.

 

O Comité de Empresa de SEAGA denuncia que a 2 de xullo, comezada xa a tempada de alto risco de incendios, os traballadores da empresa pública SEAGA aínda non foron chamados a traballar. “Unicamente foron chamados tres capataces en Ourense e algún técnico pero xefes de brigada e os traballadores aínda non fomos chamados, non sabemos cando”, explicaba Rosa Rivas, secretaria do Comité de Empresa. Segundo datos do Pladiga 2015, a empresa pública prevé en tempada de alto risco a contratación de 132 persoas na provincia de Ourense, distribuídas en 33 brigadas de terra.

Unha das principais reivindicacións dos traballadores é que se amplíe “o tempo de traballo ata os seis meses para ter algún tipo de prestación”, expresaba a secretaria do Comité, pois na actualidade, na súa condición de fixos discontinuos con contratos de tres meses, non contan con dereito a paro, pero teñen que estar en situación de dispoñibilidade para a empresa o resto do ano. Unha ampliación de contratos que a xuízo de Luis Ferreiro, do sindicato CIG, está máis que xustificada: “o que hai que facer son traballos de prevención durante o ano, teríamos paliado moitísimos incendios”.

Os brigadistas tamén reclaman que se lles paguen as horas extras, nocturnidade, domingos e festivos. Nese sentido, Ferreiro recalcaba que “cada ano desde a CIG Verín presentamos decenas de demandas” nos xulgados para esixir o abono destes pluses. O sindicalista non aforrou cualificativos para referirse á negativa da dirección da empresa pública a negociar cos empregados: desde “actitude prepotente case que chulesca” a “actitude feudal”. “Nas reunións a empresa asume compromisos que logo incumple, houbo que presionar o habido e por haber para dotar os traballadores dunhas perneiras”, puxo de exemplo.

Os traballadores tamén demandan mellora das condicións dos puntos de encontro, que carecen de auga quente ou servizos separados para homes e mulleres, por exemplo.